Mentres, Moaña acollerá ese mesmo sábado a actuación da Anxo Lorenzo Band, o grupo do gaiteiro local, que conta no seu haber con gravacións, concertos e xiras por España, Francia, Estados Unidos, Inglaterra e Irlanda.
Musigal 2019 naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización do galego, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.
Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que había arrancado con 70 inscritos.
Como o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: ‘Son muller’, na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; ‘Son crianza’ para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; ‘Son mocidade’ para grupos nos que polo menos o 60% das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; ‘Son tradición’ para grupos de música tradicional galega; ‘Son clásico’ para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos; e ‘Son actual’ para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.