A organización do festival sostible The Wild convoca a primeira edición de The Battle of Bands, un concurso que busca promover e dar a coñecer aos músicos, bandas e novos talentos de Galicia. A iniciativa está aberta a todos os grupos e solistas de calquera estilo sempre que un dos integrantes sexa nado en Galicia. Ademais, non deben ter máis dun disco editado.
Así, nunha primeira fase, o xurado, composto por cinco persoas especializadas no eido musical, elixirán a 10 bandas do total dos inscritos que deberán competir para gañarse o favor do público, os encargados de escoller aos cinco finalistas que darán un concerto no certame The Wild previsto para o 4 de setembro en San Miguel de Oia.
Finalmente, e tras dalo todo sobre o escenario, o xurado decidirá ao gañador e a dous finalistas, que levarán unha dotación económica. Ademais, o solista ou a banda que consiga o primeiro premio abrirá os concertos do sábado 5 de setembro de grupos recoñecidos. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de xullo.
«Non cabe dúbida de que en Galicia hai boa música e moitísimo talento. Estamos seguros de que tanto o xurado coma o público non o terán nada fácil para escoller aos gañadores. Será unha batalla de altura, no que, ademais de dar visibilidade á escena musical galega, tamén se poderá gozar con temas diferentes e orixinais, xa sexa rock, pop, folk, indie ou calquera outro estilo», afirma Óscar Gallego, director do certame The Wild.
The Wild Fest
Na súa primeira edición, que tivo lugar do 28 ao 30 de xuño en San Miguel de Oia, o festival reuniu a máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.
Na vindeira edición, The Wild, que se celebrará do 4 ao 6 de setembro, buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.