A Orquestra Clásica de Vigo presenta o festival 8 Pés, que nace co obxectivo de poñer en valor o órgano, un instrumento pouco coñecido na actualidade. A cita co certame será do 23 ao 27 de novembro e contará coa Concatedral de Vigo como escenario principal. O evento adopta o seu nome da medida dos tubos dun órgano, que se calcula en pés, sendo oito o tamaño do tubo máis grave que se adoita empregar.
Coincidindo coa semana de celebración de Santa Icía, o programa de 8 Pés xirará ao redor do único órgano en activo nun templo da cidade co fin de divulgar a súa historia e a súa música entre o público. Este órgano sinfónico do romántico tardío foi construído polo prestixioso mestre Lope Alberdi en 1909. Xa en 2017 foi restaurado por Federico Acitores, conservando a súa esencia sonora e actualizando os sistemas.
A Clásica de Vigo busca achegar o público a un instrumento rico e diverso como é o órgano, que podería ser entendido como o primeiro sintetizador da historia, un instrumento mecánico que era capaz de condensar unha orquestra cunha coral da man dun único instrumentista. O festival, ademais dunha cita musical, convértese así nunha cita para conservar a historia e a memoria. 8 Pés ofrecerá unha coidada programación que inclúe concertos de artistas recoñecidos a nivel estatal, charlas, encontros e visitas guiadas.
As actividades, que se desenvolverán na Concatedral de Vigo e na Escola Municipal de Artes e Oficios, serán de balde previa retirada de convite na plataforma Enterticket.