Corría o mes de febreiro de 2003 cando catro estudantes do IES Val Miñor realizaban o seu primeiro concerto como Dakidarría no Bar Patos, no marco da campaña do colectivo Burla Negra xurdido tras a catástrofe do Prestige. Vinte anos despois, a banda liderada polo veciño de Priegue Gabri Reigosa segue totalmente en activo e é unha referencia da música punk, ska e reggae en Galicia. Por este motivo, o Concello de Nigrán quere festexar o seu 20 aniversario en casa.
A cita, única na comarca, será o venres 18 de agosto no espazo deportivo de Gaifar (Panxón) e no marco, precisamente, da xira conmemorativa que Dakidarría está a realizar por todo o estado e que tamén vivirá un momento especial no Festival Revenidas, en setembro. O evento, de entrada libre, arrancará ás 21.00 horas co grupo de Baiona Xente Tóxica e a continuación Pauliña para dar paso ás 23.30 horas ao gran concerto de Dakidarría no que repasarán toda a súa traxectoria. Como é habitual no Concello, estarán dispoñibles as mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690 679 675.
Gabri Reigosa, único membro fundador que se mantén, promete un concerto espectacular “cheo de emocións, con artistas invitados e moitas sorpresas”. “É a primeira vez que o Concello de Nigrán, onde nacemos como banda, nos contrata, e o asumimos como un recoñecemento público ao noso traballo e con moito orgullo, é moi especial para min tocar na casa”, admite o líder dun equipo composto por 16 profesionais (nove músicos e sete técnicos), a maioría da comarca do Val Miñor. Esta xira conmemorativa está chea de actividades para o grupo miñorán, que hai tan só un ano publicaba o seu disco ‘Colaxe’ e que agarda permanecer na escea “polo menos 20 anos máis”.
O concerto en Nigrán será gravado e pasará a formar parte dun documental que tentará plasmar a realidade actual da banda e o longo camiño percorrido ata o día de hoxe. Ademais, a marca nigranesa de Cervexas Banda-Triskale dos irmáns Toledano, vellos amigos do grupo, disporá no recinto de Gaifar dunha barra onde brillarán especialmente as súas marcas Dakidarría (creada no 2018, a primeira cervexa ‘temática’ que realizaron) e ‘Nigrán, equilibrio natural’ (xurdida no ano 2020 a petición do Concello).