O Bloque Nacionalista Galego lamentou este luns a “marxinación” da música galega e en galego un ano máis nos concertos de Castrelos. A fronte nacionalista pide que o Goberno municipal “rectifique” a programación deste verán para incluír bandas locais e grupos galegos após a confirmación de sete actuacións no auditorio, nas que só unha delas -a de Tanxugueiras– contará cun grupo galego e con música en lingua galega.
“Non podemos permitirnos o luxo de marxinar a música galega e en galego nun escaparate cultural de tanta relevancia como son os grandes concertos de Castrelos”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Que mellor oportunidade e aposta para a nosa música que brindarlles a posibilidade de tocaren ao vivo neste auditorio privilexiado?”, cuestionou.
O edil do Bloque valorou que existe unha nómina “moi ampla” de bandas e artistas galegos que “merecen facer parte dunha programación de concertos de primeiro nivel”. Nese sentido, criticou que tampouco se inclúan actuacións de grupos da cidade malia levar “moitos anos a demandar que se lles teña en conta”.
“Estamos a tempo de evitar que un verán máis a programación das festas de Vigo insista na ‘galegofobia’ dos últimos anos, a tempo de que os concertos da cidade sexan unha aposta decidida pola música deste país e da música no noso idioma”, remachou Igrexas.
O calendario de concertos en Castrelos para este verán contempla, polo de agora as actuacións de Sebastián Yatra (mércores 13 de xullo), Nathy Peluso (domingo 24 de xullo), Tanxugueiras (sábado 30 de xullo), Leiva (xoves 4 de agosto), Sting (sábado 6 de agosto), Lola Índigo (luns 8 de agosto) e Hombres G (domingo 14 de agosto).