A sesión posterior ao concerto dedicada a contemplar as bágoas de San Lourenzo (23:30 horas e se as condicións atmosféricas o permiten) contará novamente con guías da Agrupación Astronómica Coruñesa, que ofrecerán as súas explicacións nun punto da parroquia afastado de toda contaminación lumínica e con gran bóveda celeste.
Os interesados en acudir ao festival, de non coñecer o lugar, poden presentarse ás 20:30 horas no Concello de Nigrán en vehículo propio (o campo de fútbol Chandebrito funcionará como aparcadoiro, xa que está pegado á carballeira onde se celebrará o concerto e posterior saída á observación). Haberá cantina con venda de bebidas e choripáns.
O espectáculo de Casal, ‘Son galego, Son cubano’, foi presentado no Gran Teatro da Habana no mes de Maio de 2016 con dous memorables concertos. Trátase dun show inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de ámbolos dous países, que foi visto en directo por máis de 100.000 espectadores dende a súa posta en escena en Cuba.
O música traballou conxuntamente neste espectáculo con Neira Vilas ate o falecemento deste último en novembro de 2015. A xira é considerada unha fermosa homenaxe ao propio escritor e á emigración galega en Cuba, onde residiu 31 anos da súa vida para deixar rexistrada en varias das súas obras a incrible epopea dos galegos na illa caribeña.