O festival SinSal non visitará este verán a illa de San Simón. A pandemia botou por terra os plans da organización que xa en marzo tiña pechada gran parte do cartel deste ano. Os responsables do certame comunicaron de xeito oficial que non haberá edición en 2020 e que haberá que agardar para o vindeiro ano.
As esixencias sanitarias e a suspensión das xiras que están a anunciar os artistas obrigou a tomar esta decisión que, en todo caso, non sorprendeu a ninguén. A organización desvelou o elenco de bandas que ía actuar este verán na illa redondelana. Xa contratados estaban Minyo Crusaders (Xapón), Suzzane Vega (EUA), Arlo Parks (UK), Baiuca Live (Galicia), Moon Duo (EUA), Rodrigo Cuevas (Asturias), Marina Satti (Grecia-Sudán), Biig Piig (UK), Mula (República Dominicana), Yin Yin (Países Baixos) e Dakhabrakha (Ucraína). Ademais, na súa proposta había varias bandas galegas pendentes de confirmación.
Malia todo, os responsables do SinSal aseguraron que seguen a ter “moita ilusión” por dar máis pasos co festival, convertido xa nun “proxecto recoñecido, respectuoso e sostible, que se vai facendo maior”.
“Correspondendo a esa memoria que define á illa de San Simón, queremos lembrar ás traballadoras e traballadores esenciais para a nosa supervivencia e ás vítimas desta crise, as que se foron, as que enfermaron e, tamén, aquelas que padecen as consecuencias económicas. Moitas delas, no sector cultural, que non só precisa do apoio e impulso da administración e do sector privado senón dunha reflexión fonda sobre cal é o sentido e o futuro da nosa acción”, expón o festival no comunicado no que informa da cancelación deste ano.
Este anuncio únese ao lanzado tamén este venres por outros festivais importantes como Portamérica, Resurrection Fest ou O Son do Camiño, que confirmaron o que todo o mundo imaxinaba: que o Covid-19 impide a súa celebración este verán e haberá que agardar a 2021 para recobrar a normalidade.