A Illa de San Simón acollerá de novo o Festival Sinsal, que regresa este verán á ría de Vigo do 23 ao 25 de xullo para achegar ao público as creacións máis estimulantes e vangardistas do momento. Logo dunha edición de resistencia, celebrada no litoral, neste 2021 o certame regresa á illa de San Simón e á súa propia esencia como evento: tres xornadas de música e contacto coa natureza, con propostas singulares e contemporáneas, directos suxestivos e a illa como cabeza de cartel dunha listaxe de artistas que é secreta ata que o público desembarca en San Simón.
As músicas de vangarda e de raíz, manifestacións urbanas e sonoridades modernas ou con influencias electrónicas conforman a paisaxe sonora que propón este ano Sinsalaudio e que acompañará, ao longo de tres xornadas, ás asistentes desta edición, nomeada Sinsal Esencial. Unha atractiva escolma de artistas agóchase detrás do cartel dun festival que se desenvolverá os días 23, 24 e 25 de xullo en horario de tarde.
O cartel secreto do Sinsal Esencial non será a única sorpresa para o público que se achegue a este singular enclave das Rías Baixas. Este ano, cada banda e artista participante ofrecerá un único concerto nesta edición, polo que o programa de cada día será completamente diferente ao anterior. Nas vindeiras semanas, Sinsalaudio dará a coñecer outras novidades que permitirán poñer en valor tanto esta singular iniciativa musical coma o propio espazo natural no que se desenvolve.
As entradas sairán á venda nos primeiros días do mes de xullo a través da plataforma Enterticket. O público poderá adquirir os seus billetes para cada xornada de concertos de xeito individual -sen posibilidade de adquirir abono- e estableceranse prezos diferenciados entre o público adulto e o menor de 16 anos -inclusive-. Como é habitual no festival, cada localidade incluirá, ademais do acceso aos concertos secretos na illa de San Simón, o transporte en barco até a mesma desde o continente.