O primeiro evento de Sinsalaudio deste ano en Vigo celebrarase no mes de maio: Sinsal Primavera terá lugar na fin de semana do venres 19 e sábado 20. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, ademais do apoio do Marco, do Instituto Camões e da Sala Radar, contará este ano cunha programación conformada por cinco proxectos de vangarda, de e liderados por mulleres, chegadas de distintos puntos da Península Ibérica, Suíza e Turquía.
Sinsal Primavera propón visualizar propostas singulares e únicas, vinculadas á experimentación e á creación contemporánea, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Así, Angélica Salvi, Ece Canli, Superorganismus -proxecto musical de Tramontana e Luz González-, Ivankovà e Ana Lúa Caiano conforman o cartel desta edición, que se celebrará os días 19 e 20 de maio no Marco de Vigo.
Como novidade, ademais, este ano a programación extenderase a unha das principais recintos de música ao vivo da cidade, a Sala Radar, que acollerá o concerto da portuguesa Ana Lúa Caiano na noite do sábado 20.
As entradas do Sinsal Primavera 2023 están á venda, desde hoxe mesmo, na plataforma Enter Ticket e na páxina web do festival. O prezo da entrada anticipada para cada xornada no Marco é de 15 euros (agás no caso dos billetes para as e os menores de 10 anos, cuxo acceso será gratuíto). No caso das persoas que posúan unha entrada para os concertos do Marco, poderán asistir de balde ao concerto da Sala Radar na noite do sábado 20 (as entradas para este directo tamén están dispoñibles en Enterticket por 8 euros anticipada e 10 euros na billeteira).
Programación Sinsal Primavera 2023
Angélica Salvi (España) | Marco. Venres 19, 20:30 horas
Angélica Salvi é unha arpista española que reside en Porto (Portugal) desde o 2011. Dedícase á improvisación dentro da música contemporánea e da electroacústica, explorando varias técnicas de preparación e amplificación do instrumento na procura de novos timbres e sonoridades. A arpista convida ao público a mergullarse nas súas vivencias emocionais e espirituais, empregando as mesmas para escribir o guión dun soño.
Ece Canli (Turquía) | Marco. Venres 19, 21:30 horas
Ece Canli é artista, música e investigadora. Naceu en Turquia e reside en Porto (Portugal). Na súa práctica artística e vocal explora o estado liminal dos corpos agonizantes e demonizados, a desvinculación corporal e mental, e as expresións extralingüísticas por medio de técnicas vocais extendidas. Colaborou con varios artistas, músicos e coreógrafos a nivel internacional e creou bandas sonoras para performances ou exposicións.
Superorganismus (Suiza) | Marco. Sábado 20, 20:30 horas
Tramontana e Luz González crean Superorganismus, unha peza electroacústica para flauta, viola, arpa e electrónica ao vivo. A proposta agroma coa intención de xerar música de forma cooperativa e horizontal. Aínda que as catro músicas sexan independentes, a electrónica de Luz González pode modificar o son de Tramontana, mais os instrumentos acústicos son a raíz sonora dun superorganismo que o público percibirá coma un todo.
Ivankovà (España) | Marco. Sábado 20, 21:30 horas
Ivankovà é o proxecto en solitario da artista e compositora madrileña Irene de la Cueva. As súas creacións agroman a través de estruturas repetitivas que se converten en mantras deseñados para xerar atmósferas determinadas e convidar así ao público a transitar por paisaxes nas que os sintetizadores, a voz e os sons electrónicos xerados a partir da transformación de sons orgánicos son protagonistas.
Ana Lúa Caiano (Portugal) | Sala Radar. Sábado, 23:00 horas.
Cantante, compositora e artista multidisciplinar. Ana Lúa Caiano converte constantemente a experiencia en creatividade e explora a fusión do folclore portugués co música electrónica e sons cotiáns. Nos seus director, parte de bases sinxelas para construír marcos rítmicos usando beatbox, palmas, tambores e maracas, nas que superón texturas de teclado, sons ambientais e a propia súa voz.