O evento deu a coñecer este xoves os horarios dos concertos, que se desenvolverán en dous escenarios. O escenario Aparcamento contará coas actuacións de Santi Araújo ás 18.00 horas, Maryland ás 19.30 horas, Basanta ás 21.30 horas e The Soul Jacket coa colaboración especial de Pablo Novoa (exmembro de Golpes Bajos) actuarán ás 23.30 horas.
No escenario Exposicións temporais, que se atopa no interior do inmoble, daranse cita Babykatze ás 18.45 horas, BFlecha ás 20.15 horas, r.e.a.l. ás 22.00 horas e Kaixo ás 00.00 horas. No evento tamén participarán artistas convidados como Nicolás Pastoriza (do grupo Bromea o qué?), que ofrecerá unha sesión especial ás 19.15 horas na sala científica do Museo do Mar.
Ademais, a partir das 21.00 horas, a fachada principal do edificio proxectará videocreacións de Juanma LoDo e Laura Iturralde e o xardín contará cunha instalación lumínica creada por Alejandra Montemayor.
As actuacións rematarán ao fío da madrugada e a entrada será de balde ata completar aforo sen necesidade de realizar reserva previa.