Van Ruller estará acompañado por vez primeira, e por petición expresa, do moañés Iago Fernández á batería, ademais do seu sí habitual Clemens Van Der Feen ao contrabaixo.
Anteriormente, ás 21:30 horas, abrirá a velada tamén no auditorio ao aire libre o guitarrista Dani Font xunto a Alex Touceda ao contrabaixo e David Puime á batería, tres dos galegos máis prometedores no panorama nacional de jazz e que creceron como espectadores do Nigranjazz, festival cun compromiso inquebrantable de apoio aos músicos locais. Como hai xa dous anos, o evento gastronómico “Rilla na rúa” acompaña ao festival coas súas camionetas con comida gourmet aparcadas no paseo da Foz e patrocinando esta tarde dende ás 19:30 horas a sesión swing na Alameda con ‘Low Bay Hot Band’, grupo formado por músicos todos das Rías Baixas. Miles de persoas xa encheron este venres o paseo da Foz para dar conta desta oferta gastronómica sobre rodas e este sábado se agarda outra xornada multitudinaria (o evento street-food continúa ata o domingo).
Pero para os músicos e os máis afeccionados ao jazz o festival arrancou ás 12:30 no Auditorio Municipal de Nigrán coa xa tradicional master-class, que o venres foi con Peter Bernestein e este sábado é co tamén guitarrista Jesse Van Ruller, protagonista do concerto da noite.
O Nigranjazz conta co apoio da Deputación de Pontevedra, a Sociedade de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España ( AIE), a Fundación Mayeusis, Elemental Chefs e Rodosa.