Con todo, serán tres mulleres de diferentes nacionalidades as que por vez primeira abran o festival ás 19:30 horas no escenario do Rilla na Rúa (cara a Alameda da Ramallosa) interpretando temas só compostos por mulleres, obxectivo do seu proxecto Hey Cats no que veñen investigando dende a ESMAE de Oporto para, precisamente, visibilizar o papel da muller nesta música.
Esta primeira xornada rematará coa clásica ‘jam session’ liderada nesta ocasión polo trío do pianista Martín Lopo. O Nigranjazz, ao que se une Cervezas Alhambra como colaborador, conta tamén co apoio da Deputación de Pontevedra, a Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España (AIE), a Fundación Mayeusis, Elemental Chefs, Rodosa ou ACentralFolque.
O Nigranjazz continúa o sábado coa actuación estelar ás 22:30 horas da cantante americana Deborah Carter, quen ademais ofrecerá unha master-class matinal no Auditorio do Edificio Tecnolóxico de Porto do Molle. Carter reúne para a ocasión a Xan Campos ao piano e Chus Pazos á batería xunto a Mark Zandveld ao contrabaixo.
Previamente, outro dos músicos galegos de jazz máis internacionais, o saxofonista Fernando Sánchez, amosará o seu quinteto no escenario do Esteiro de A Foz. O Escenario do Rilla na Rúa abrirá a xornada ás 19:30 horas con Off-Room, trío cento por cento nigranés.
Os artistas
Pablo Castaño residiu en New York durante dez años onde compartiu moitas horas de música con Yago Vázquez e estableceron unha conexión musical verdadeiramente máxica. A eles únenselles Iago Fernández, un dos bateristas novos máis prestixiosos en Europa, e o contrabaixista Paco Charlín, un histórico do jazz en Galicia formado en EEUU e gran responsable do enorme crecemento do Jazz na nosa comunidade.
O cuarteto de Pablo Castaño encádrase dentro da tradición jazzística, composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. Influenciado sen dúbida polos cuartetos e pequenos ensembles esenciais da historia do jazz liderados por instrumentos de ventos; desde Lester Young, Charlie Parker, John Coltrane a un longo etc. Aínda que unha das formacións que máis inflúe neste grupo podería ser o cuarteto de Wayne Shorter.
Xosé Miguélez, recente gañador do premio Martin Codax na categoría de Jazz, ven de gravar o seu primeiro disco en Kansas con músicos americanos e nesta ocasión estará acompañado polo franco- americano Jean Michel Pilc, un dos pianistas máis destacados da súa xeración, de Carlos Barreto, unha institución do contrabaixo en Portugal e Marcos Cavaleiro, baterista portugués de enorme curriculum.
O cuarteto Xosé Miguélez-Juean-Michel Plic reúne catro músicos de tres nacionalidades diferentes que comparten a súa ansia pola busca insaciable e libre de expresión artística. O pianista e compositor autodidacta Jean-Michel Pilc tocou con numerosos xigantes do jazz como Roy Haynes, Billy Hart, Michael Brecker, Dave Liebman, Jean Toussaint, Rick Margitza, Kenny Werner, Marcial Solal, Michel Portal, Daniel Humair e Marcus Miller, Kenny Garrett, Lenny White, Chris Potter, John Abercrombie, Mingus Big band, Lew Soloff ou Richard Bona, entre outros.
Miguélez está considerado actualmente como un dos saxofonistas má s destacados da nova xeración de músicos de jazz da Península Ibérica. O seu proxecto máis recente é ‘Ontology’, gravado en Estados Unidos e presentado en agosto de 2018 na sala ‘Blue Room’ do American Jazz Museum en Kansas City.
Hey Cats nace na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Oporto (ESMAE),onde deciden xuntarse tres mulleres de diferentes partes do mundo co obxectivo de crear un proxecto que visibilice á muller na música. Así, despois dun traballo de investigación decátanse de que hai moitos temas famosos compostos por mulleres, pero que, con todo, os seus nomes non o eran tanto; acabamos elaborando un repertorio que abarca temas de jazz, boleros e composicións propias. Todo composto por mulleres que, a pesar das dificultades, loitaron por ter un lugar no mundo da música.
O festival
O Nigranjazz, festival senlleiro do Concello de Nigrán, cumpre 13 anos sendo o máis lonxevo organizado dende o consistorio e o único dedicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan.
A diferenza doutros festivais, aposta por un jazz puro, afastado das vangardas. Sempre con entrada de balde, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza.
Dende entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek, Kurt Rosenwinkel…
Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos.
O Nigranjazz outorga tamén especial relevancia á relación galaico-portuguesa, consagrando algunha edición unicamente a elo e invitando sempre a artistas lusos a participar.