O festival de órgano 8 Pés celebrará a súa segunda edición na Concatedral de Vigo do 23 ao 26 de novembro, semana na que se festexa Santa Icía, patroa de músicos e músicas. O de Alberdi, o único órgano en activo da cidade, volverá soar con nomes de prestixio internacional como Juan de la Rubia, Daniel Oyarzabal e Alize Mendizabal.
“Para a Clásica é moi importante celebrar esta segunda edición dun festival tan insólito que busca achegar a complexidade e riqueza deste instrumento e o seu repertorio. Traemos a tres dos mellores organistas do Estado para levar o noso órgano aos seus límites artísticos”, destaca o director do certame, Manuel Martínez Torres.
“Quero agradecer á Clásica por alertar no seu día sobre a protección deste instrumento, único órgano da cidade e importante patrimonio artístico. A Deputación seguirá apostando para que todo Vigo e toda a provincia de Pontevedra coñezan este instrumento tan singular e complexo”, sinalou na presentación do evento a deputada Ana Laura Iglesias, quen tamén lembrou a boa acollida da primeira edición, unha demostración de que hai ganas de coñecer e desfrutar do patrimonio.
Co obxectivo de explorar os insólitos usos e sonoridades que ten o órgano, 8 Pés programa concertos diversos. O mércores 23 de novembro abrirá o festival un concerto da Aula de Órgano do Conservatorio Profesional de Ourense, que fará unha homenaxe a dúas grandes figuras da historia do instrumento: os compositores e organistas César Franck e Eduardo Torres, no 200 e 150 aniversario dos seus nacementos, respectivamente. “Contar co alumnado neste festival é unha forma de conectar a nosa canteira cos máis grandes e apostar polo relevo e a continuidade”, afirma Martínez.
O xoves 24 será a quenda da organista Alize Mendizabal. A donostiarra presentará un programa pensado para poñer en valor as corais e o traballo dos organistas para improvisar e compoñer arranxos sobre estas melodías.
O venres 25 chegará un dos concertos máis especiais desta edición co o valenciano Juan de la Rubia, organista titular da Basílica da Sagrada Familia. Na última década, de la Rubia especializouse na improvisación sobre películas de cinema mudo. Fai máis dunha década, en 2011, levou por primeira vez á práctica a improvisación ao órgano da película ‘Fausto’ de F. W. Murnau. O resultado destes concertos sempre é diferente polo que hai unha grande expectación por como será na Concatedral de Vigo.
O festival pecharase o sábado 26 co concerto do músico vasco Daniel Oyarzabal, acompañado da Clásica, que afrontará as posibilidades sinfónicas do instrumento.
Nesta edición haberá de novo unha pantalla grande para que o público poida gozar das proezas dos organistas, destacando o traballo dos pés co pedaleiro, dos cambios de rexistro ou do cambio de teclados, algo que normalmente queda oculto na distancia do espazo.
O director aproveitou a presentación do festival para recalcar “a importancia dun festival como este para a protección do patrimonio, pois un órgano é un instrumento moi delicado que precisa de mantemento constante, afinación e de instrumentistas que o fagan soar para que poidamos gozar deste arte”.
Visitas guiadas
A programación deste 2022 volve incluír visitas guiadas ao órgano de Alberdi da Concatedral. Haberá pases ás 17.00 e 17:30 horas o mércores 23, o xoves 24 e o venres 25. Ademais, o sábado 26 de novembro, ás 10.00 horas, haberá unha visita con prazas limitadas aos órganos de Tui e Vigo na que o musicólogo Daniel Sanmartín Nieto fará un percorrido entre a tipoloxía barroca e romántica.
As visitas ao órgano e os concertos serán de balde, previa retirada de convite na plataforma Enterticket. A única actividade de pago é a visita aos órganos de Tui e Vigo e custa 15 euros (transporte incluído), tamén dispoñible nesta plataforma.