O festival 17º Ribeira Sacra xa ten datas para a que será a súa novena edición. Os días 18, 19 e 20 de xullo a Ribeira Sacra albergará este evento no que música, gastronomía, viño, arte e patrimonio danse da man ofrecendo unha experiencia completa para o público.
Unha programación de tres días na que non faltarán concertos de artistas nacionais e internacionais que pasarán por escenarios singulares como Bodegas Regina Viarum. O Concerto Sorpresa Cervezas Alhambra a bordo do catamarán polo río Sil é outro dos momentos máis esperados, que se repetirá nesta novena edición. Ademais da música, a gastronomía e cultura vitivinícola son partes esenciais neste evento, cunha programación de Experiencias -catas, degustacións ou roteiros -coas que o público poderá conectar co territorio. Os primeiros abonos poñeranse á venda proximamente a un prezo promocional.
Na pasada edición máis de 3.000 persoas gozaron da programación do festival, coñecendo a Ribeira Sacra dunha forma inesquecible. Concertos de bandas como Morcheeba ou Queral Lahoz foron algúns dos momentos máis especiais para o público, que gozou tamén de catas de diferentes viños da zona, degustacións gastronómicas, un menú creado polo chef Estrella Michelín Rafa Centeno ou visitas patrimoniais.
O evento conta co patrocinio de Xunta de Galicia, a través de Xacobeo e Fest Galicia, Bodegas Regina Viarum e Cervezas Alhambra, en liña co seu compromiso de apoiar todas aquelas experiencias únicas que convidan a gozar sen presa dedicando a cada momento o tempo que merece.
A aposta pioneira da marca Festivales Territorio
17º Ribeira Sacra é o primeiro evento da marca Festivales Territorio, unha aposta da promotora galega i-radia Crea por crear festivais respectuosos co territorio cunha programación diversa en distintas zonas maioritariamente rurais. En 2023 17º Ribeira Sacra foi recoñecido como Mellor Festival en Pequeno Formato nos Iberian Festival Awards e recentemente logrou 14 nomeamentos no mesmo certame. Os festivais irmáns Esférica Rioja Alavesa (País Vasco); Tierra Bobal Fest e Nómade (Comunidade Valenciana) e Canari (Illas Canarias) seguen o modelo de 17º Ribeira Sacra en diferentes puntos do territorio nacional.