O concerto do saxofonista cubano Román Filiú suporá o broche de ouro para a XXII edición do Festival Internacional de Jazz de Cangas, Canjazz 2020. Filiú, nominado en varias ocasións aos Premios Grammy e gañador dúas veces deste galardón pola súa participación nos discos do pianista Chucho Valdés ‘New Conepctions’ e ‘Back To The Sunset’, subirá ao escenario das Naves de Ojea acompañado polo seu cuarteto.
Román Filiú desenvolveu unha voz única como compositor e intérprete, mesturando a tradición da música afrocubana e o jazz de vangarda. Nacido en Santiago de Cuba, formado en piano clásico e saxofón, leva anos formando parte da selecta escena de jazz de Nova York. Este mércores pola noite (22.00 horas) actuará rodeado da súa banda con Luis Guerra no piano, Javier Moreno no contrabaixo e Rodrigo Ballesteros na batería.
Ás 23:30 horas a orixinal proposta de voz, jazz e claqué de Frasquita Vintage pechará os concertos deste Canjazz 2020. Frasquita Vintage está formado por Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Chus Pazos (batería), todos eles coñecidos músicos de jazz do panorama galego, que xunto a Cecilia Martínez á voz e claqué interpretan standards de jazz unindo música e baile ao estilo dos bailaríns afroamericanos ‘hoofers’.