O Auditorio Municipal de Vigo acolleu este martes a presentación do libro-disco Escolma Aberta, do cantante Alberto Cunha. O vigués arrancou o seu recital cun poema de Rosalía de Castro non incluido na obra e deleitou a un público que case enche a platea do auditorio.
Escolma Aberta é un proxecto singular e único, no que se unen música, literatura e pintura. Un libro‒disco que se compón de 10 poemas musicados por figuras inesquecibles da música galega (Luis Emilio Batallón, Suso Vaamonde, Amancio Prada, Xoán Rubio, Los Tamara, Juan Pardo e Vicente Araguas), recuperados por Alberto Cunha.
Ademais, cada poema vén acompañado por unha ilustración, cuxo autor é Ramón Trigo, e por un comentario feito por diferentes persoas relacionadas co eido da cultura galega. Incluirá, tamén, un código de descarga dixital co que poder acceder ás gravacións.
Neste proxecto de Escolma Aberta tamén colaborou Amparo Mosquera coa súa voz en “Campanas de Bastabales”, Andrés e Eduardo Cunha na instrumentación musical e nos arranxos, e a produción foi compartida entre Alberto Cunha e Javier Abreu.
A Editorial Elvira, fundada e dirixida por Xabier Romero, foi a encargada da publicación, incluíndo un CD coa musicalización dos poemas e unha clave para poder descargalos de internet.