El Contrabajo, Komisky, La Fábrica de Chocolate, La Iguana Club, La Pecera, Master Club, Radar Estudios e Sinatra Coctel Bar son os oito escenarios que acollerán en Vigo os concertos do programa ‘Directos Xacobeo 21’, que se levarán a cabo ata finais do mes de outubro.
O obxectivo desta iniciativa, que ofrecerá en toda a comunidade galega 131 concertos de 108 artistas e bandas galegas, é a reactivación do sector musical. Este ciclo, no que o talento galego é o protagonista absoluto, deu comezo en agosto e prosigue esta semana con numerosas citas en diversas localidades galegas, entre elas o concerto desde mércores de Amaro Ferreiro no Náutico do Grove.
Ademais, a Sala Rebullón de Mos recibirá o venres 7 a Stoned at Pompeii e o sábado 8 a García MC. A programación da fin de semana incluirá tamén outra cita o sábado, con Soul Jacket na Pousada de Boiro, e dúas o domingo 9: Enxeito en Aturuxo de Bueu e Marcelo do Bode na Arca da Noe de Vilar de Santos.
A programación foi presentada polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen explicou que a iniciativa conta cun orzamento de 400.000 euros para contribuír á recuperación da actividade empresarial e artística neste ámbito e, con tal fin, foi deseñada como unha das medidas do Plan autonómico de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.
O Goberno autonómico, que asume o financiamento íntegro deste programa, conta para o seu desenvolvemento coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, que se encarga da súa xestión e coordinación como a entidade máis representativa no eido profesional da música en directo.
A programación completa, tanto das salas como das diferentes xiras dos artistas que participan no ciclo, pódense consultar aquí.