Cultura Quente (Caldas de Reis), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), PortAmérica (Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (a Illa de San Simón en Redondela), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilagarcía de Arousa) despedíronse este xoves nun acto amenizado pola banda pontevedresa de indie-pop La Casa de los Ingleses.
As sete quendas incluídas nos “Festivais Rías Baixas” reuniron a preto de 200.000 persoas, aumentando notablemente a súa asistencia respecto ás edicións anteriores. Varios deles rexistraron as súas mellores cifras de asistencia da historia, como O Marisquiño (130.000), Revenidas (15.000) e o SonRías Baixas (16.500) e rexistraron un impacto económico total de 26 millóns de euros para os seus concellos e comarcas, nas que as ocupacións hoteleiras durante os días das súas celebracións foron dun 100% practicamente en todas as ocasións.
A Presidenta, Carmela Silva, asegurou que “hai que pór en valor a quen teñen as ideas, pois son os verdadeiros protagonistas e os que asumen grandes riscos”. Ademais, quixo resaltar a labor dos concellos involucrados, “por crer que as súas cidadanías teñen dereito a ter cultura, por amosar o talento que hai na provincia e que este se pode desenvolver coa axuda das administracións públicas”. Ademais, afirmou que “a Deputación soamente se agarrou a unha idea extraordinaria, o mérito desta institución foi o de amosar a súa intelixencia ao apuntarse a esta grande idea” e salientou que grazas aos #RíasBaixasFests “a provincia de Pontevedra se encheu de luz, de cor, de son, de música, de boas vibracións, creatividade e talento, converteuse en algo especial, espectacular e no referente da industria cultural”.
Julio Gómez, responsable de SinSal,e Berta Domínguez, de SonRías Baixas, en representación dos sete festivais aseguraron que “hai que continuar nesta mesma liña, porque o mellor retorno que podemos dar á cidadanía é a profesionalización e o talento dos que podemos presumir”.
Pola súa parte, o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, asegurou que “este apoio tan contundente da Deputación de Pontevedra foi un feito histórico”. Carlos Eirea, concelleiro de Cultura de Bueu, salientou como “nos sitios pequenos somos capaces de xerar moitísima transcendencia”. O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, engadiu ao respecto que “para as vilas pequenas non é doado chegar a tantos lugares como nos que estivemos grazas aos Festivais Rías Baixas se non contásemos con este apoio”. Juan González, alcalde de Nigrán e Deputado provincial, asegurou que “individualmente podemos loitar, pero xuntos as dificultades se volven menores”, ao que engadiu que “o importante xa non é existir por nós mesmos, senón que as Rías Baixas contan cun proxecto único”.
A concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa, Sonia Outón, asegurou que “hai que agradecer á Deputación por esta visión e por ter convertido os Festivais nun gran evento”. O concelleiro de Cultura de Redondela, Javier Alonso, amosou a súa satisfacción por formar parte desta iniciativa” e resaltou “a importancia do retorno tanto social como económico e de emprego”. Para rematar, o tenente de alcalde de Vigo, David Regades, asegurou que “hai que seguir traballando xuntos, dende a mesma perspectiva, e sen que existan protagonismos individuais”.
Lembramos que por primeira vez se impulsou a creación dunha marca que acolle sete dos principais festivais de verán da provincia de Pontevedra, permitindo reunir as súas sinerxías para construír unha oferta integrada de ocio e cultura moi vencellada á provincia de Pontevedra respectando as identidades propias de cada un deles.