O encargado de abrir esta primeira edición foi Baiuca, o proxecto persoal de Alejandro Guillán, que escolleu para iniciar o concerto o tema ‘Arrieiro’. Baiuca deleitou ao público coa súa mestura entre tradición, vangarda e electrónica, durante case unha hora ate rematar coa canción ‘Muíño’.
Xa máis cerca do solpor foi a quenda do grupo vigués Presumido, a parella formada por Tarci Ávila e Nacho Dafonte. O dúo arrancou o seu concerto co primeiro tema do seu novo disco, ‘La ley del hielo’, para pechar tras unha hora de animado concerto coa última canción do seu primeiro álbum, ‘Desde aquí’.
Contra as 23:00 horas, e despois de que a posta de sol agasallase unha incrible estampa, chegou o remate da primeira cita do Solpores do Museo, una iniciativa organizada pola Xunta de Galicia coa vontade de poñer en valor o traballo dos artistas locais artellando unha programación transversal xunto a outros artistas de renome nacional.
Será, precisamente, a partir da primeira semana de agosto, cando o programa combine en cada sesión a un grupo ou músico galego con outra proposta chegada de fora. Así, a xornada do xoves 1 de agosto terá como protagonistas a Amaro Ferreiro e Villanueva. O 8 de agosto actuará o grupo vigués Moon Cresta e a banda Aurora & The Betrayers, mentres que o 15 de agosto será a quenda de Soleá Morente e Xosé Manuel Budiño.
Xa o xoves 22 de agosto terá lugar a actuación de Joe Crepúsculo e a galega Cora Velasco, mentres que o vindeiro 29 de agosto celebraranse as últimas actuacións do ciclo a cargo de Zenet e Bliusvai.