Este venres arranca oficialmente a temporada ‘Correspondencias’ da Orquestra Clásica de Vigo cun concerto sobre Mozart. A cita é ás 20.30 horas no teatro García Barbón. O concerto será un monográfico do autor e no programa inclúense a sinfonía 35 ‘Haffner’ e o Concerto para fagot e orquestra en si bemol maior, que será interpretado polo recoñecido fagotista Manuel Veiga, primeiro fagot da Real Filharmonía de Galicia. Deste xeito, búscase entender a súa importancia para a consolidación do son da orquestra e conectar co Mozart máis esencial.
Ademais, este concerto é moi especial porque soarán por primeira vez os timbais recuperados da Banda Municipal de Música de Vigo (xa extinta). A restauración feita pola Clásica ten como finalidade que os instrumentos volvan a ser usados para facer música. Así, soarán no concerto ‘Mozart esencial’ grazas ao percusionista David Rodríguez.
No teatro poderá adquirirse a publicación ‘Os timbais da Banda Municipal de Música de Vigo. Historia musical de Vigo a través dunha restauración’, editado pola Orquestra Clásica de Vigo e na que participan Pablo Abreu, Alejo Amoedo, David Rodríguez e Manuel Martínez Torres. O libro conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña de axudas para edicións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, correspondente ao ano 2021. Os libros tamén están á venda na libraría Versus.
As entradas para este concerto e os demais incluídos na temporada Correspondencias da Clásica xa están á venda en Ataquilla.com. O prezo para menores de 16 anos será de 5 euros co obxectivo de promover a asistencia do público familiar aos concertos. Ao mesmo prezo tamén estarán dispoñibles para menores de 30 anos na billeteira do teatro ou auditorio antes de cada concerto.