Durante os meses de outubro, novembro e decembro sucederanse, tanto no campus de Vigo, como no centro da cidade, actuacións musicais e teatrais e proxeccións de cine, destinadas tanto ao público universitario, como a calquera persoa allea á comunidade universitaria, que poderá gozar gratuitamente de calquera destes eventos e co único límite da capacidade dos locais onde se van desenvolver. Así, Recycled J. e A banda da loba serán os encargados de poñer a música no teatro Vidal Bolaño, nunha nova edición da programación cultural organizada pola Vicerreitoría de Extensión, que se completa coas actuacións teatrais de Yllana e Mofa e Befa e coas proxeccións no teatro AFundación da 28ª Semana de Cine Submarino e as da 9ª edición do ciclo Cine e Lingua no auditorio do Edificio Cambón.
Bases urbanas e música de autoras
Jorge Escorial, coñecido como Recycled J., encargarase o vindeiro mércores, a partir das 18:30 horas, de volver facer soar a música no Vidal Bolaño. Autor do fenómeno viral Valga la pena, Escorial publicou o ano pasado o seu primeiro traballo de longa duración, Oro Rosa, un album ecléctico con base urbana, que explora sons que van dende a electrónica máis bailable, pasando por aires flamencos, ata chegar a ritmos tan diversos como o pop, R&B ou rap. O artista madrileño, coñecido antes por Cool, ten no mercado varios traballos e colaboracións con numerosos artistas como Prefijo 91, Natos&Waor ou Ezzeme e é dos poucos artistas españois no seu xénero, que sen un LP no mercado, esgotou as entradas para as actuacións que ofreceu no ano 2017 en Barcelona e Madrid.
A versatilidade de Recycled J. dará paso o 12 de decembro ao eclecticismo de A banda da loba. Sobre o escenario do Vidal Bolaño as cinco integrantes do grupo gañador do Premio Ari(T)mar 2018 e finalista na categoría de música de autor nos premios Martin Codax, presentarán o seu primeiro traballo discográfico Bailando as rúas. Cun repertorio de seu, baseado en letras da súa autoría e musicalizacións de poetas célebres ou textos tomados de poemas de escritoras contemporáneas, A banda da loba despregará ante o público que se dea cita no campus o seu estilo heteroxéneo que bebe do rock, do pop e do folk.
Gastronomía e diálogo filosófico en clave de humor sobre as táboas
Cunha mirada divertida sobre o fascinante mundo da gastronomía, Chefs, a compañía Yllana subirá o 7 de novembro o pano das actuacións teatrais da programación cultural do primeiro cuadrimestre. César Maroto, Susana Cortés, Rubén Hernández e Carlos Álvarez “Jano”, darán vida á historia dun chef de gran prestixio que perdeu a inspiración e ten que confiar nun disparatado equipo de cociñeiros para crear unha receita novidosa e espectacular que lle permita manter as estrelas do seu restaurante.
As risas continuarán a resoar no Vidal Bolaño o 21 de novembro coa representación de Cranios privilexiados…ou crítica da razón perralleira a cargo de Mofa e Befa. Desta volta, Josito Porto e Víctor Mosqueira somerxerán ás e aos espectadores no diálogo filosófico, fornecendo toda unha galería de personaxes susceptibles de ser conxurados sobre o palco, desde históricos pensadores como Sócrates, Pitágoras ou Kant, ata outros totalmente descoñecidos como Polemón, o máis grande filósofo galego de todos os tempos e casualmente pai de Mofa e Befa. A obra que foi estreada no Festival Internacional de Teatro de Ourense foi escrita po Pepe Sendón e Carlos Santiago.
Cine
A 9ª edición do ciclo Cine e Lingua, Vigo, let’s go to the flicks, arrancará o 31 de outubro coa proxección de The Rocky Horror Picture Show de Jim Sharman e continuará o 7 de novembro con Get Out de Jordan Peel; o 21 de novembro con Frank de Lenny Abrahamson; 28 de novembro Her de Spike Jonze; o 5 de decembro con Paterson de Jim Jarmusch e rematará o 12 de decembro con Ex Machina de Alex Garland. O ciclo que se desenvolverá coa colaboración do Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Xunta de Galicia e o Centro de Linguas da Universidade de Vigo, volverá celebrase no auditorio do Edificio Cambón, onde as proxeccións, que serán presentadas polos docentes do Centro de Linguas Keith Payne e Jeff Beasley, comezarán ás 20:00 horas. As películas proxectaranse en versión orixinal en inglés con subtítulos en español.
Pola súa banda, a Semana de Cine Submarino, que este ano acada a 28ª edición desenvolverase entre os días 13 ao 15 de novembro no Teatro AFundación.