O concelleiro Javier Pardo e o xerente do Ifevi, Arsenio Prieto, presentaron este xoves a primeira edición do Festival de Rock Concello de Vigo, organizado polo propio Concello e o recinto feiral coa colaboración de Mahou.
Segundo explicaron, o Festival nace con vocación de continuidade e co dobre obxectivo de programar en Vigo unha oferta de rock (estilo cunha gran acollida na cidade) e apoiar e promocionar a grupos vigueses. Baixo esta filosofía, o novo evento nace cun cartel composto por Rosendo e Medina Azahara -nomes destacados no panorama do rock en España- xunto ao grupo vigués Motores.
O Ifevi abrirá as súas portas ás 21 horas do sábado, 2 de decembro, con máis de catro horas de música rock en directo. As entradas estarán á venda en Ataquilla.com e nos establecementos Discos Elepé e Musical Pontevedra.
Tanto Pardo como Prieto aseguraron que o Festival de Rock Concello de Vigo presenta unha clara intención de gañar proxección e relevancia coas próximas edicións. Así, o xerente do Ifevi apuntou ao obxectivo de contar con artistas que reúnan na cidade a público procedente de toda España.