O Canjazz 2020 recibirá este martes 25 de agosto (22.00 horas) ao saxofonista italoamericano afincado en Galicia Rosolino Marinello, quen presentará os temas do que será o seu primeiro traballo discográfico, unha proposta de jazz contemporáneo cunha clara influencia das súas raíces sicilianas. Marinello, saxo tenor e soprano, ademais de clarinete baixo, acompáñase do seu quinteto formado polo guitarrista francés Wilfried Wilde, o pianista Sunil López, o contrabaxista Juansy Santomé e o batería Max Gómez.
Formado nos conservatorios superiores de jazz de Groningen e A Haia (Países Baixos) e da man de importantes figuras do jazz como Joe Lovano, Steve Grossman, Dick Oatts, George Garzone ou David Liebman, Marinello integra desde que reside en Galiza proxectos musicais como o cuarteto de Xacobe Martínez Antelo, Alberto Vilas, ‘Juzz’ de Virxilio da Silva ou ‘Ten Dez’, do crooner Javier Marcos.
A continuación, ás 23.30 horas, subirá ao escenario a banda liderada polo batería Brais Lorenzo, quen estará acompañado polo violinista Ismael Cabaleiro (Conservatori Liceu de Barcelona); Daniel Casares á guitarra (Berklee College Of Music de Boston) e o contrabaixista Gustavo Hernán (CSM Coruña).
Brais Lorenzo formouse na súa vila natal, Ponteareas, e posteriormente no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Trasladouse con 19 anos a Barcelona para continuar os seus estudos na Escola Superior de Música de Cataluña, onde recibiu clases de músicos como Jorge Rossy, Jo Krause, Horacio Fumero, Albert Bover ou David Xirgu. Actualmente compaxina os seus estudos con concertos por distintos lugares de España.