Salvador Sobral volverá a Vigo en 2023. Tras o seu paso polo Festival Terraceo en 2022, o músico portugués presentará en primavera ‘bpm’, o primeiro traballo composto integramente polo artista luso xunto ao seu inseparable compañeiro Leo Aldrey. A cita terá lugar o 25 de marzo no Auditorio Mar de Vigo. Un día antes estará no Teatro Colón da Coruña. As entradas xa se poden adquirir a través da internet.
‘bpm’ alude habitualmente aos beats por minuto, é dicir, aos golpes ou pulsacións que unha canción ten por minuto, especialmente na música electrónica. Salvador Sobral (Lisboa, 1989) tomou estas siglas polo seu significado orixinal en portugués, “batimentos por minuto”, é dicir, latexados por minuto para titular o seu último traballo discográfico, con cancións en portugués, castelán e inglés, e que inclúe as colaboracións do pianista de jazz galego Abe Rábade e da lisboeta Margarida Campelo. Recuperado xa dos seus problemas de saúde de hai anos, o corazón do artista portugués continúa bombeando música.
‘bpm’ abre unha nova paleta de sonoridades dentro da música do artista luso, incorporando instrumentos como a guitarra e arroupado por un cuarteto, con Max Agnas ao piano, André Rosinha ao contrabaixo, Bruno Pedroso á batería e André Santos á guitarra. Cancións como ‘Sangue do meu sangue’ ou ‘Fun ver meu amor’ mostran ao artista en plena forma, sen medo a experimentar e a xogar con diferentes estilos musicais, pero sen esquecer nunca a esencia, o jazz.
O seu triunfo en Eurovisión en 2017 con ‘Amar Pelos Dois’ deuno a coñecer a escala mundial, pero Salvador Sobral xa se formou na escola de jazz e música moderna Taller de Músics, en Barcelona. Un ano antes, en 2016, debutaba con ‘Excuse Me’, un álbum que deixaba claro o seu gusto polo jazz e situábao na liña de artistas renovadores do xénero como Jamie Cullum. Logo chegarían ‘Paris, Lisboa’ (2019) e ‘Alma Nuestra’ (2020), con concertos por toda Europa que habitualmente incluían paradas en España e en Galicia, a miúdo acompañado do pianista Abe Rábade.
Desde entón, as cancións de Salvador Sobral non deixaron de latexar, e o vindeiro ano, haberá dúas oportunidades de tomarlle o pulso ás súas emocións en directo en Galicia.