O concerto de Sés previsto para este sábado 10 no Rosal foi aprazado após coñecer o positivo da cantante en Covid-19. A artista atópase en bo estado e confinada no seu domicilio, e quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao público, ao que agradece a confianza no seu traballo. Sés lamentou non poder celebrar o espectáculo previsto para a Praza do Calvario, pero comprometeuse a atopar o antes posible unha data para poder levar adiante o concerto.
As entradas reservadas para este concerto terán validez para a nova data. En caso de non poder acudir deberán poñerse en contacto co Concello do Rosal para darse de baixa e volver a poñer as entradas a disposición do público.
Pola súa banda, a administración local informou este venres de que por motivos técnicos a obra de teatro ‘Running polo camiño’ prevista para este domingo 11 ás 18.00 horas cambia de situación. O espectáculo trasládase ao auditorio municipal. Poderá accederse ao recinto a partir das 17.00 horas. A entrada será de balde ata completar aforo.