Musigal, o programa cultural da Deputación de Pontevedra, continúa espallando esta semana a música galega e en galego por toda a xeografía da provincia de Pontevedra con catro novos concertos que comezan hoxe mesmo en Bueu. A rúa Montero Ríos da vila do Morrazo acollerá a actuación de Sés ás 22.30 desta noite. Xa o sábado, día 18, en Gondomar, terá lugar o concerto de Garufa Blue Devil Band ás 22 horas nas pistas deportivas do CDL. O mesmo día, o grupo De Vacas ás 22 horas actuará na Praza do Concello de Meaño, e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre estarán en Poio ás 21.30 horas no Parque Ankar.
Musigal 2020 ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia. Xunto a isto, esta iniciativa pretende dinamizar a lingua galega, favorecer a vivencia positiva e posta en valor do noso idioma, contribuír ao incremento do seu emprego, así como estender a socialización en galego da infancia e a toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia.
A Deputación ten pechados ata agora máis de 40 concertos, doce deles neste mes de xullo. Amais do celebrado xa en Tomiño e dos catro desta semana en Bueu, Gondomar, Meaño e Poio, haberá concertos de Musigal 2020 en Sanxenxo, O Grove, Moraña, Covelo, Silleda, Lalín e Rodeiro.