A música ao vivo co selo Sinsal segue presente na cidade de Vigo. A promotora local Sinsalaudio, que celebra estes días unha nova edición do Sinsal Outono, propón para o mes de novembro outra iniciativa: Sinsal Museo do Mar 2021, dúas xornadas de concertos nos que convivirán as propostas de formato tradicional con outras máis conectadas coa vangarda e a experimentación. Nas tardes dos sábados 13 e 20 de novembro, o teatro García Barbón e o Museo do Mar, respectivamente, acollerán esta iniciativa musical, fiada polo apoio ao tecido local e ás artistas femininas, e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22.
A primeira cita do Sinsal Museo do Mar 2021 será o sábado 13 de novembro e chegará da man da cantante e compositora portuguesa Luísa Sobral, unha das artistas máis distinguidas e recoñecidas das novas xeracións do país veciño, cuxas creacións transitan entre os universos sonoros do jazz, folk ou indie. Sobral presentará en Vigo un repertorio no que destaca Rosa (2018,) un traballo íntimo e cru da creadora producido por Raül Refree, ou mesmo Luísa (2016), disco aclamado pola crítica portuguesa. Xunto a Camomila, un EP publicado, o pasado mes de setembro, unha das súas publicacións máis recentes é Todo lo que no está (2020), sinxelo creado canda Zahara nunha das residencias artísticas de Radio3. As entradas para gozar da actuación de Luísa Sobral, que terá lugar no Teatro García Barbón, xa están á venda na plataforma Ataquilla.
Á semana seguinte, o sábado 20, o Museo do Mar de Galicia será o espazo no que se desenvolva unha intensa xornada con concertos e proxeccións de documentais, nos que o público poderá gozar de propostas musicais dunha ampla e selecta diversidade estilística, que contará con bandas e artistas pouco habituais no ecosistema das salas de concertos ou festivais de Galicia. O programa completo para este segundo bloque de actuacións darase a coñecer nos vindeiros días coa presentación oficial do cartel do ciclo Sinsal Museo do Mar.