O Festival Sinsal, que se celebrará do 23 ao 25 de xullo, anuncia novas actividades paralelas coa intención de poñer en valor o patrimonio ambiental da Illa de San Simón. A cita musical, cuxo cartel secreto encabeza o propio territorio, ofrecerá un paseo en catamarán dunha hora e media pola enseada de San Simón o sábado 24 de xullo, en horario de mañá.
Sinsal Esencial, tal e como se denomina esta edición do festival, anuncia que quere «facer fincapé nos valores máis esenciais e salientables do evento: a sostibilidade, a natureza, a experiencia e a música ao vivo de creadoras e creadores galegos». Neste percorrido en catamarán, que partirá do embarcadoiro de San Adrián de Cobres ás 12.00 horas, o público asistente -un máximo de 60 persoas- poderá coñecer, durante unha hora media, este enclave da man e experiencia dunha guía especializada.
A memoria da illa e a historia do seu patrimonio, xunto á natureza e espectacular contorna de San Simón, serán os fíos condutores dunha proposta que, como non podería ser doutro xeito, tamén inclúe un secreto musical.
A cita no catamarán engade a estrea en directo, durante o paseo, do novo disco dun artista galego, que o público descubrirá no momento de subir ao barco. O artista ofrecerá un concerto en acústico de 40 minutos para dar a coñecer, en primicia, este traballo discográfico. «Deste xeito, Sinsalaudio mantén a súa aposta pola promoción do talento do país á vez que relaciona a cultura galega coa súa contorna natural», afirma a organización.
As entradas para o paseo en catamarán pola enseada de San Simón sairán á venda o luns 19 ás 12.00 horas a través da plataforma Enterticket. Para máis información, o público pode visitar a páxina web oficial do festival.