O grupo galego Tanxugueiras, formado por Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío, presentará en Vigo o seu novo directo. As cantantes, inmersas en plena carreira para participar no Festival Eurovisión, anunciaron nas últimas horas que traerán ao Auditorio Mar de Vigo unha proposta «vibrante» na que presentan a «nova sonoridade do grupo» e que incorpora a interpretación, ao vivo, dos novos sinxelos do grupo, como Terra, Figa, Telo ou Midas.
As pandeireteiras actuarán o vindeiro 1 de abril (22:00 horas) no hall do auditorio vigués e as entradas saen á venda este martes a un precio de 15 euros. A banda galega arrincará a súa nova xira ‘ XiraMidas’ o sábado 26 de marzo de 2022 na Coruña.
Este primeiro concerto de Aida Tarrío, Olaia Maneiro e Sabela Maneiro será ás 22:00 horas na sala Pelícano. As integrantes da banda, que quere levar o galego a Eurovisión, puxeron á venda as entradas para a sala coruñesa “con prezo especial” para os 500 primeiros.
Noites de Retranca
Por outra banda, a celebración dos doce anos das Noites de Retranca no Auditorio Mar de Vigo terá que esperar. Será finalmente o vindeiro 8 de maio, e non o 15 de xaneiro como estaba previsto, cando chegue á cidade unha cita que reunirá por primeira vez no escenario a Luis Zahera, Manuel Manquiña e Víctor Fábregas.