O festival multidisciplinar The Wild volverá celebrarse no principio do verán e anuncia as datas da súa quinta edición, en 2023, que ocupará a fin de semana do 30 de xuño e o 1 e 2 de xullo. Como en edicións anteriores o festival programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema e actividades infantís, ademais de zona gastronómica, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.
O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o escenario do The Wild. Trátase dun espazo de merendeiro cun miradoiro privilexiado á ría de Vigo que é xa nun dos emblemas do festival, que ten como ‘leimotiv’ facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.
A vindeira edición mantén a vontade das pasadas de englobar un gran número de actividades nunha soa cita e integralas no medio natural: concertos de folk e rock, The Wild Cinema, andaina, ximcana de orientación, obradoiros, mercadiño e espectáculos infantís. A novidade deste ano será a celebración dun concurso de novos talentos musicais bautizado como Salvaxesons.
O concurso de bandas Salvaxesons busca descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco gañadores que poderán tocar o venres 30 de xuño no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico, o primeiro volverá tocar o sábado no festival e os cinco terán acceso gratuíto a The Wild Fest durante toda a fin de semana.
Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado a partir dos tres temas gravados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. A segunda fase terá lugar durante o mes de marzo nunha sala de Vigo e realizarase en formato duelo por parellas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo.
Poden participar bandas e solistas de calquera estilo, coas únicas condicións de ter un membro galego e non ter máis de un disco editado. As inscricións realízanse no enderezo de correo electrónico salvaxesons@thewildfest.com incluíndo información da banda e tres cancións. As bases poden consultarse na web do festival.