The Wild, festival multidisciplinar que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, confirmou este venres os primeiros artistas que se subirán aos escenarios na súa nova edición: o trío pontevedrés Thee Blind Crows, os vigueses Stoned at Pompeii e Susana Seivane Trío.
“O cartel desta terceira edición é moi potente e aínda quedan máis grupos que confirmaremos en breves, pero podemos adiantar que tamén haberá espazo para artistas nacionais de gran envergadura”, afirma Juan de Castro, xestor cultural de The Wild. Ademais, engade que “este ano quixemos apostar mais que nunca pola música, un dos grandes prexudicados da pandemia”.
Deste xeito, The Wild Fest fai unha aposta por distintos estilos musicais e por facer un percorrido pola escena máis actual do panorama galego e nacional para ofrecer unha noite chea de música e máis unha sesión vermú.
A parte máis musical do The Wild comeza o día 4 ao mediodía, na sesión vermú, coa actuación de Susana Seivane Trío, a formación dunha das artistas de maior percorrido e traxectoria e que máis revitalizou o folk galego. Thee Blind Crows, pola súa conta, tocarán ese mesmo día pola tarde para encher o parque forestal coa enerxía e a forza do seu guitarreo blues punk. Pola noite será a quenda de Stoned at Pompeii cun directo abraiante e cun estilo de carácter stoner rock que lles valeu o galardón de Mellor Directo nos premios Maketón Los 40 no 2020.
O festival, un dos poucos que conseguiu saír adiante o ano pasado, continuará cuns estritos protocolos de seguridade co obxectivo de crear un espazo seguro. Máscaras, aforo limitado ou sentidos únicos de circulación son algunhas das medidas previstas para o certame, que completará a súa programación con actividades para toda a familia, desde The Wild Race, unha apaixonante carreira de obstáculos, ata faladoiros ou todo tipo de eventos infantís.