A programación que a Orquestra Clásica de Vigo tiña preparada para conmemorar o Día Europeo da Música esta fin de semana vai sufrir alteracións por mor da chuvia prevista para este domingo, que obriga a adiar o concerto que se ía celebrar na Solaina Concepción Arenal do Pazo Quiñones de León en Castrelos en colaboración coa ESADG e o Concello de Vigo, ao sábado 26 ás 19.00 horas.
A Clásica centra agora a celebración desta xornada festiva para a música en toda Europa, nunha acción musical “sorpresa” que se desenvolverá o próximo luns 21 de xuño ao redor da peza ‘A música nocturna das rúas de Madrid’ de Boccherini, e que será executada desde as obras do Centro Vialia Vigo e retransmitida a través da canle de Youtube da orquestra a partir das 21:00 horas. Nesta programación colaboran Vialia Estación de Vigo, Nhood e Ceetrus.
Ademais, a formación mantén abertas as inscricións para participar na primeira edición dun campamento musical de verán que se celebrará en xullo, que terá como obxecto a creación dunha orquestra creativa realizada pola rapazada de Vigo. Este programa terá como centro a práctica orquestral e contará con distintos módulos para ofrecer unha visión completa e actual da música. Como avance do programa, no módulo de electrónica, a mocidade que participe terá a oportunidade de capturar música, mesturala, almacenala e encapsulala, todo desde dentro dunha botella.