Os festivais de música das Rías Baixas e a Deputación de Pontevedra comprometéronse este xoves a deseñar, cun calendario concreto, un plan de traballo conxunto con accións destinadas a “salvar este ano 2020 e comezar a traballar a medio prazo para reforzar e impulsar os Rías Baixas Fest cara ao 2021 e incluso 2022”. Ese foi o primeiro obxectivo acordado na reunión que mantiveron os responsables dos eventos e a presidenta provincial, Carmela Silva.
Neste primeiro encontro coas direccións de Vive Nigrán, Sinsal, PortAmérica, Revenidas, Atlantic Fest e SonRías Baixas, Silva comprometeuse “ao máximo apoio posible da institución provincial, unha vez coñezamos todos os escenarios que poden abrirse para os festivais cando remate o confinamento e se inicie a desescalada”. Por elo, Deputación e certames concordaron en iniciar un plan de traballo para deseñar accións concretas, destinadas “aínda que sexa difícil, a salvar este ano 2020 e comezar a traballar a medio prazo pensando xa no reforzo e no impulso dos Rias Baixas Fest cara aos anos 2021 e 2022”.
O calendario establecerá medidas e propostas “para reorientar e reinventar neste ano posibles eventos que permitan achegar financiación, aproveitando os novos hábitos e modelos de consumo que se estableceron no confinamento e, con elo, axudar ás promotoras a manter as súas estruturas empresariais e os postos de traballo”. Tamén estudarase a posibilidade de establecer estratexias de promoción xunto ao sector turístico, e de instar ás administracións a flexibilizar os procedementos para facilitar as achegas ao sector. Trátase de adiantarse e ter establecido a finais de maio un plan de acción que dea solucións tanto a posibles aprazamentos como a cancelacións caso de producirse.
A presidenta provincial tamén garantiu ás direccións dos festivais que instará ás administracións competentes como a Xunta de Galicia e ao Estado a asumir un plan e un compromiso específico para estes eventos, “xa que non podemos permitir que ningún festival desapareza”. “Falamos dunha marca consolidada que ten impacto máis aló do turístico, con moita influencia no territorio, no emprego e na actividade económica. Sería un drama”, indicou.
Nese sentido, Silva comprometeuse a traballar xunto ao resto das administracións e, de feito, propoñer tamén cos concellos nos que se desenvolven os festivais unha mesa coas promotoras e coa Deputación para “sumar sinerxías e establecer un modelo de actuación”.