Vigo contará con alo menos dous grandes actos para conmemorar o Día da Música, que se celebra o 21 de xuño. Por unha banda, a Porta do Sol será este próximo venres o especial escenario escollido pola Deputación de Pontevedra para o seu acto central na cidade. Desde as 20.00 horas, a coreógrafa e intérprete Nuria Sotelo e a violonchelista e artista visual Macarena Montesinos realizarán en pleno centro unha proposta nova e específica, deseñada especificamente para esta xornada baixo o título ‘Quen canta o seu mal espanta’.
Esta actuación será dos primeiros eventos en vivo que organiza a Deputación tras a crise sanitaria e contará cun aforo controlado para persoas sentadas en cadeiras, aínda que todas aquelas que queiran desfrutar do espectáculo na rúa poderán seguilo tamén de pé. Cumpriranse todas as medidas de protección e seguridade, con accesos e itinerarios á zona acotada e, seguindo as recomendacións sanitarias, será obrigado acudir con máscara de prevención. A actuación contará con intérprete de lingua de signos e será retransmitida en directo pola internet.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a importancia levar estas iniciativas aos espazos públicos. “Animamos a toda a xente a que o venres se achegue á Porta do Sol. Está claro que a música, en definitiva toda a cultura, espantou o confinamento, a desescalada e a normalidade. E temos que seguir espantando o mal coa cultura”. Silva subliñou que, amais, participarán “dúas mulleres da música, polo tanto tamén apostamos por poñer o foco nas mulleres que tanto aportan ás artes e que cada día teñen máis presencia. Peso tiveron sempre, dixo a presidenta, pero agora ademais teñen visibilidade”.
Haydn e Mozart en Castrelos
Por outra banda, a Orquesta Clásica de Vigo volverá ao escenario nos Xardíns do Pazo de Castrelos. Este ano o seu recital estará marcado polas medidas de seguridade e a prudencia para garantir a seguridade para todos os asistentes e participantes.
Neste contexto de excepcionalidade non é posible realizar concertos de música sinfónica de gran formato como se facía ata o momento pois non existen espazos de ensaio na cidade onde se podan levar a cabo con medidas de distanciamento. Por este motivo para este programa apostouse por unha programación baseada en obras de estilo clásico, que por outra banda é o xerme desta orquestra.
O programa constará de dúas sinfonías de Haydn (número 65) e de Mozart (número 15), dous artistas fundamentais que exploraron e xeraron as bases do que hoxe entendemos por sinfonía. O concerto terá unha duración de 60 minutos e estará dirixido por Manuel Matínez Álvarez-Nava. Comezará ás 19:30 horas do domingo e as entradas serán de balde ata completar aforo.
A orquestra interpretará o concerto mantendo distanciamento entre os instrumentistas, que portarán máscaras de protección na medida das posibilidades do seu instrumento. Empregarán ademais separadores de metacrilato e, na medida das posibilidades técnicas do instrumento, o concerto será realizado sen cadeiras.
Por outra banda, dende a organización realizarase un control de aforo (200 persoas sentadas) para garantir que o público acceda ao espazo de forma progresiva, mantendo as distancias de seguridade entre eles e que non se supere o aforo dos Xardíns Históricos. Será preciso tamén que os asistentes porten máscaras durante o evento.
O público asistente estará sentado nas cadeiras dispostas pola organización mantendo a distancia de seguridade. As cadeiras estarán desinfectadas, polo que non será posible o cambio de sitio unha vez iniciado o evento coa fin de garantir a hixiene e seguridade para todos os asistentes.