No marco da súa programación ‘Aviventa Cultura’, a Deputación de Pontevedra vai celebrar o vindeiro luns 21 de xuño o Día Europeo da Música cun concerto ao aire libre no exterior da sede provincial na rúa Chao de Vigo. A institución súmase así a esta celebración na que os e as profesionais da música saen anualmente ás rúas a compartir o seu traballo e máis nun momento como o actual, como sinalou a presidenta, Carmela Silva, no que hai que recoñecer o papel da música durante a pandemia: “Estaremos celebrando a música e celebrando que xa podemos comezar a respirar e sentirnos máis libres. Que mellor que facelo con cultura e con música!”.
O concerto está dirixido a todos os públicos, aínda que en especial á mocidade, e comezará ás 20.00 horas no exterior da sede viguesa, coa participación do grupo vigués de soul, funk e rock The mirror (integrado por Alejandro Vasconcellos, Tania Rodríguez, Óscar Román, Rubén Carrera e Mikel Román). Debido ás restricións do aforo, para asistir a ambos concertos haberá que reservar praza previamente no enderezo electrónico participa.cultura@depo.gal.
“Se sempre é importante a cultura –subliñou Silva-, particularmente a música nestes momentos que estamos saíndo da pandemia e que temos un certo optimismo, ocupa un espazo aínda máis relevante. Debémoslle que en todas as etapas de confinamento, semiconfinamento, estado de alarma ou de redución de aforos, estivese presente a través das redes sociais. Por iso debémoslle moito á xente da música e queremos celebrala con eles e elas”.
Ao longo de toda a xornada, a Deputación utilizará nas súas redes sociais as etiquetas #brincacoaDepo e #aDepobrincacoamúsica para difundir aínda máis esta conmemoración.