O coro Mistura Vocal ofrecerá o sábado día 11 de decembro (20:00 horas), no Teatro Principal de Tui, e o domingo día 12 (19:00 horas), na Capela das Hermanas Trinitarias de Vigo, o seu concerto de Nadal, titulado A historia da Luz.
O espectáculo terá como protagonista principal á Luz, entendida como elemento físico, como metáfora do propio Nadal en tanto que nacemento e novo comezo, e tamén como nome dunha muller que, a través das obras musicais que o coro interpreta, conta episodios da súa vida que conforman a súa identidade como protagonista da mesma.
«Será este un concerto moi especial, cheo de contido musical e conceptual, onde o coro ofrecerá unha viaxe ao longo da música vocal de autores e obras de diversos estilos e épocas», aseguran desde Mistura Vocal. Así, o repertorio vai dende Pearsall e Mendelsshon ata Whitacre e Makor, pasando por Biebl, Lawson, Busto e Elder, ademais do galego Julio Domínguez.
Galardóns
Mistura Vocal está formado por corenta cantoras e cantores e dirixido pola tudense Aloia Martínez Molina. O coro conta con numerosos galardóns obtidos en Galicia e diversos lugares do Estado, e en verán de 2022 participará no Gran Premio Nacional de Canto Coral na localidade cántabra de San Vicente de la Barquera.
Reserva de entradas
As entradas para o concerto do día 11 no Teatro Principal de Tui serán de balde e poden reservarse na páxina web do Concello de Tui. A entrada ao concerto do día 12 na Capela das Hermanas Trinitarias de Vigo (rúa Ecuador – nº 19) será de balde ata completar o espazo, polo que haberá que agardar no exterior da igrexa, que abrirá as súas portas ás 18:30.