O festival desenvolverase os días 6 e 7 de outubro con dous espazos diferenciados, un institucional con titularidade da Xunta de Galicia, e outro empresarial-privado, para un programa que discorre por sons de Galicia, Brasil, Islandia, Taiwán ou Andalucía e que permite adiviñar un forte abrazo entre o tradicional e a experimentación.
Cun aforo limitado a 400 persoas, o festival outonal conta cunha parte da programación de acceso libre o sábado 6 de outubro. Desde as 13:00 ata as 18:00 horas, o público poderá participar de balde en diferentes actividades didácticas e concertos nos xardíns e no interior do Museo do Mar. Tamén está prevista pola organización do festival unha selección gastronómica con bo produto a prezos razoables. A partir das 18:00 horas comezarán os concertos de pagamento.
Mentres, o domingo 7 ás 13:00 horas celebraranse dous concertos en dous estaleiros: Astilleros Cardama e Freire, ambos na avenida de Beiramar no barrio de Bouzas.
A organización publicará o programa completo nos vindeiros días. As entradas tamén sairán á venda proximamente.