A organización, que ten prevista para esta edición máis de 25 concertos e unha ducia de actividades para todos os públicos, fará que a próxima fin de semana de xullo os asistentes poidan vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo, dende a mañá ata a noite, nun espazo máxico, fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América e ao pé da península de Monte Lourido.
O alcalde de Nigrán, Juan González, amosou a súa ledicia por poder celebrar este terceiro aniversario dun festival que se celebra nun territorio ofrece hospitalidade, música, gastronomía e, que en palabras de Juan Rivas -codirector de Vive Nigrán- «conta cun cabeza de cartel incomparable: o seu emprazamento». Carmela Silva -presidenta da Deputación de Pontevedra- sumouse á celebración destacando o modelo de turismo de cultura e ocio que ofrece este tipo de festival, un dos máis demandados polos turistas hoxe en día, mentres que Jacobo Sutil -director da AGADIC- resaltou tamén os valores que se transmitirán en Vive Nigrán a través de diversas accións que se levarán a cabo da man de Fest Galicia como a sustentabilidade ou a igualdade.
A programación
O festival, continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo. As súas actividades comezarán nesta ocasión un día antes do previsto da man de Mounqup, o alter ego da francesa Camile Hédouin. O próximo 18 de xullo, o público poderá gozar durante dúas horas dunha experiencia musical e gastronómica a bordo dunha embarcación pola ría de Vigo nun traxecto que partirá dende Panxón e visitará as illas Cíes dende o Atlántico, a bordo dun catamarán mentres sona en directo a personalísima proposta de corte electrónico e vangardista de Mounqup.
O venres 19 de xullo dende as 18h30 invadirán o Escenario Mahou e o Escenario Rías Baixas o glitter pop de Hickeys, o R&B contemporáneo da novísima Adriana Proenza, a música latina e o rock de raíces de Los Vinagres, a sesión DJ de Paula do Campo, Stanich, unha das referencias da renovación musical máis vigorosas, a sesión DJ de Isaac Pedrouzo, o caos creativo e punk de Los Nastys e o desmelene frenético e pop adulterado de Meneo. Ese mesmo día, os asistentes poderán gozar tamén de iniciativas coma o cambio de look gratuíto que a Barbería Derek Ivanich e Save the Sailor lle ofrecerán durante o festival a todo aquel que o desexe a través do seu novo proxecto «La Chabacana», ou food trucks a cargo de La Pepita Burger Bar, ChacMool Taquería, Misco-Midas, Peaky Food Truck e Creperie La Bretonne. Ademais, dende as 15h30 ata as 18h30 o Club Marítimo de Panxón ofrecerá en colaboración co festival un bautismo de kayak a todas as persoas que se atrevan a probar a actividade.
Xa o sábado 20, os asistentes tamén poderán gozar dunha ampla proposta de actividades deseñadas específicamente para os máis pequenos e pequenas da casa ao longo de todo o día e concentradas, na súa maioría, nun horario de acceso gratuíto de 12h00 a 18h00. Mentres que o día comezará cun bautismo de surf para nenos e nenas, en colaboración con La Conservera del Surf, o recinto do festival contará co seu xa habitual e exitoso concurso de debuxo, obradoiros de maquillaxe, construcción con bloques XXL, Pixel Art, Geomag, globoflexia, e o regreso do xornalista Javier Becerra -que xa nos acompañara na primeira edición do festival- para presentar o seu libro ¡Esto es pop! (Mont Ventoux). O xornalista estará acompañado pola música de Carolina Rubirosa para facer este percorrido pola historia da música popular dende Frank Sinatra a Beyoncé, pasando polos Rolling Stones, David Bowie, Patti Smith, Michael Jackson ou Nirvana. No mesmo tramo horario e tamén de balde, a música correrá da conta de Uke & The Leeles; de Delafé, que no seu Concerto Mahou Cinco Estrellas en formato Mediodía Cañero amosará o seu novo son máis electrónico; dos acordes enérxicos e o pop cristalino dos valencianos L’Emperador e de tres concertos a cargo de Gain Over, a escola de rock do Val Miñor.
A partir de media tarde, o acceso ao recinto tornarase de pago para inundarse do folk, pop acústico e rock de Isius, do ritmo mantra «tucu-chaca» e o fingerpicking salvaxe de Yo Diablo, do pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse, bailar na sesión DJ de Paul Church, co dúo Monterrosa, disposto convertir a pista de baile en paraíso e trincheira, cos galegos e incombustibles Novedades Carminha e coas revolucionarias Las Chillers. O día completarano as sesións DJ de Isaac Pedrouzo e Picnic Pop.
Entradas e abonos
As entradas e abonos para asistir ao evento pódense adquirir xa en www.vivenigran.com a un prezo de 30 euros o abono e 18 euros a entrada de día. A organización habilitou tamén un servizo especial de autobuses nocturnos para que todo aquel que o precise poida facer uso del á hora de abandonar Praia América. Terá un custe de 8 euros a viaxe e tanto o venres coma o sábado do festival terá saída ás 03h30 da mañá e paradas en Baiona, Vigo e Pontevedra.
Alén disto, as entradas para asistir ao concerto de Mounqup a bordo dun catamarán pola ría de Vigo o xoves 18, pódense adquirir tamén en www.vivenigran.com por un prezo de 25 euros a entrada anticipada e 30 euros o mesmo día da viaxe. Todos aqueles que xa adquirisen previamente a súa entrada ou abono para o festival poderán beneficiarse dun desconto do 20% nesta compra. A viaxe contará tamén con degustación de produtos de Pan de Cea, de Ginger 43, de Licor 43 e do selo Galicia Calidade.
Para levarse a cabo, o festival Vive Nigrán conta co apoio de institucións coma o Concello de Nigrán, a Deputación de Pontevedra e a Agadic -Axencia Galega das Indutrias Culturais- a través da marca Fest Galicia, e o patrocinio de Mahou, Thunderbitch e Nissan.