O xoves 18 de xullo, e como actividade previa ao festival, o público poderá asistir ao concerto de Mounqup e gozar durante dúas horas dunha experiencia musical e gastronómica a bordo dunha embarcación pola ría de Vigo nun traxecto que partirá dende Panxón e visitará as illas Cíes dende o Atlántico, a bordo dun catamarán.
As entradas para esta travesía, que contará con degustación de produtos de Pan de Cea, de Ginger 43, de Licor 43 e do selo Galicia Calidade, estarán á venda en www.vivenigran.com a partir deste venres 5 de xullo a un prezo de 25 euros a entrada anticipada e 30 euros o mesmo día da viaxe. Todos aqueles que xa adquirisen previamente a súa entrada ou abono para o festival poderán beneficiarse dun desconto do 20% nesta compra.
Actividades paralelas para todos os públicos
O festival continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de ‘foodtrucks’, obradoiros, presentacións de proxectos culturais, actividades marítimas…
As actividades paralelas desta edición están lideradas por un bautismo de surf para nenos e nenas, en colaboración con La Conservera del Surf, o cambio de ‘look’ gratuíto que a Barbería Derek Ivanich e Save the Sailor lle ofrecerán durante o festival a todo aquel que o desexe a través do seu novo proxecto «La Chabacana», ou food trucks a cargo de La Pepita Burger Bar, ChacMool Taquería, Misco-Midas, Peaky Food Truck e Creperie La Bretonne.
Ademais, os asistentes tamén poderán gozar dunha ampla proposta de actividades deseñadas especificamente para os máis pequenos e pequenas da casa ao longo de todo o sábado 20 de xullo e concentradas, na súa maioría, nun horario de acceso gratuíto de 12.00 a 18.00 horas.
Ademais, o recinto do festival contará co seu xa habitual concurso de debuxo, obradoiros de maquillaxe, construción con bloques XXL, Pixel Art, Geomag, globoflexia, e o regreso do xornalista Javier Becerra -que xa nos acompañara na primeira edición do festival- para presentar o seu libro ‘¡Esto es pop!’ (Mont Ventoux). O xornalista estará acompañado pola música de Carolina Rubirosa para facer este percorrido pola historia da música popular dende Frank Sinatra a Beyoncé, pasando polos Rolling Stones, David Bowie, Patti Smith, Michael Jackson ou Nirvana.
Artigo relacionado: O festival Vive Nigrán pecha o seu cartel e presenta a súa programación musical por días