O festival The Wild abre o período de inscrición para a terceira edición do concurso de bandas Salvaxesons. Tras o éxito das edicións anteriores, esta iniciativa volve co obxectivo promover e difundir a música independente, así como fomentar os novos talentos musicais dentro de Galicia. O festival The Wild busca apoiar a música emerxente de calquera xénero, premiando a orixinalidade, a innovación, a experimentación e a fusión de sons e linguaxes diversos.
O concurso aumenta este ano a cuantía e número de bandas premiadas e repartirá un total de 1.800 euros. O primeiro premio será de 900 euros e a oportunidade de abrir os concertos principais de The Wild, o sábado 5 de setembro. Os gañadores do segundo, terceiro e cuarto posto recibirán 400, 300 e 200 euros, respectivamente.
Este ano, só catro bandas chegarán á final, polo que todas optan a un premio remunerado.
Outra das novidades é que as bandas que cheguen á fase de duelos recibirán 50 euros para transporte e gastos de viaxe, así como acceso gratuíto ao festival The Wild.
A dinámica do concurso será idéntica á de edicións anteriores. Unha vez pechado o período de inscrición, o 11 de maio, un xurado profesional seleccionará ás oito propostas que pasan á seguinte fase, os duelos. Na fase de duelos, a partir do 23 de maio, os grupos ou solistas batiranse en batallas musicais de dous en dous. Os duelos terán lugar a partir do 23 de maio e será o público quen elixa a banda gañadora de cada un deles cos seus votos, máis o voto de calidade do xurado. A organización atópase en negociacións con Vialia Centro Comercial para volver a celebrarlos no seu escenario exterior.
As catro bandas vencedoras dos duelos pasarán á final do concurso que se celebrará no escenario principal de The Wild, o venres 5 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Nesta ocasión será competencia única do xurado o fallo dos premios.
Os artistas solistas e bandas interesados poden consultar as bases na web do festival www.thewildfest.com e rexistrarse enviando un correo electrónico a salvaxesons@thewildfest.com co asunto «SALVAXESONS III + nome do grupo ou solista».
Para ser elixibles, os aspirantes deben enviar tres cancións orixinais e contar con material suficiente para ofrecer un concerto de 45 minutos, no que se permite interpretar unha versión. A solicitude debe incluír o nome artístico, dirección completa, detalles dos membros (nome, idade, DNI), material gráfico, tres arquivos de audio en formato MP3/MP4, WAV, un dossier actualizado e a información de contacto do representante.