“O que acontece nun concerto é algo único e irrepetible: extínguese ao pechar o pano, mais á súa vez é unha chama que prende e segue quentando o noso peito durante moito tempo. Ás veces acompáñanos toda unha vida”.
Esa chama da que fala Xabier Díaz é a que marcará o comezo da súa nova xira ‘Axúdame a Sentir’. Prenderase o vindeiro 9 de marzo no Auditorio Mar de Vigo ás 21.00 horas e será lugar elixido para ser o punto de partida dun fieiro de concertos que lle esperan xunto ás Adufeiras de Salitre. Neles presentará o seu sétimo disco, que comparte nome coa xira. Poderíase dicir que o título é unha homenaxe á súa avoa materna, Obdulia, quen lle dicía en numerosas ocasións “axúdame a sentir” e que para el “foi unha de tantas catedráticas sen título nesa célebre universidade da vida”.
Esa petición serviu de inspiración para a creación e nome do seu novo traballo xunto ás Adufeiras de Salitre. Ten como razón de ser a necesidade real que temos de sentir, e como as artes, en calquera das súas formas, son lingua para poder expresar o que levamos dentro, e á mesma vez, unha voz que fala do noso movemento interior cando non sabemos como sacalo ao exterior.
‘Rumboia Viva’, o primeiro sinxelo do disco, é a máscara baixo a que se agochan milleiros de esmorgas e foliadas infinitas, todas elas baixo a dirección dunha muller que vive no imaxinario de Xabier, “unha muller, tocadora e amante das esmorgas, amada por todos e todas as foliadeiras, unha deusa, unha raíña do trad que namora a aquel que a escoita”.
A música xorde de recordos que o autor ten do escoitado na Xirazga de Beariz (Ourense), unha música que ben nos transporta ata os ritmos africanos, ata as raíces. Todo iso toma forma xunto coa guitarra eléctrica do seu virtuoso amigo arxentino Manu Sija e a base da copla da rumboia do cancioneiro popular, á que Xabier engade o resto da letra. E non faltan a percusión de pandeiros de peñaparda, violíns ou o acordeón diatónico de Pedro Pascual.
O videoclip que acompaña a ‘Rumboia Viva’ é o resultado da mestura entre a realidade dun álbum de imaxes de finais dos anos 80, onde vemos a bailadores e bailadoras de foliada, e unha ferramenta para vídeo da intelixencia artificial. Grazas a isto obsérvase unha recreación da tradición no baile, que chega da man de Alfonso Marino.
‘Axúdame a Sentir’ verá a luz no mes de febreiro, un traballo en colaboración coas Adufeiras de Salitre e músicos de diversos ámbitos, dando forma e vida a canción cheas de sentimentos e ganas de ser sentidas polo público.
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre regresan ao Auditorio Mar de Vigo catro anos despois daquel exitoso concerto presentando ‘Noró’, vaticinando unha noite chea de música galega e emocións intensas. As entradas xa están á venda a través da plataforma online TeuTicket desde 15 euros.
Música para todos os gustos en 2024
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre únense á programación do Auditorio Mar de Vigo, engadindo máis diversidade musical á listaxe de concertos. Pablo López lanzaba este luns as entradas para a súa segunda actuación en Vigo tras esgotar a primeira cita en pouco tempo, sumándose ao éxito da actuación de despedida de Funzo & Baby Loud, prevista tamén para esa mesma fin de semana de marzo, e quen colgou o cartel de ‘esgotado’.
Ara Malikian, El Barrio, Coque Malla, Valeria Castro, Malú ou Loreena McKennitt forman parte da programación musical que fará vibrar ao público nos próximos meses no recinto de Beiramar.