Xisco Feijoó soterra ‘Peixe’ este outono. O cantareiro, instrumentista e bailador despídese da actual xira de presentación do seu primeiro proxecto en solitario cun directo que terán lugar o 1 de decembro (20.30 horas) no Teatro García Barbón de Vigo. Nesa actuación, o artista se acompañará tanto da súa banda como de numerosas creadoras e amizades sobre o escenario, entre as que se atopan Fran Sieira, Andrea Pousa, as pandeireteiras d’O Fiadeiro ou mesmo a chelista estadounidense Natalie Haas.
Cada concerto, ateigado de música, danza e arte, será único e irrepetible. Será a celebración da vida dun proxecto que, a partir do vindeiro ano, se transformará con novas cores e sonoridades. As entradas para estas actuacións, ou “metamorfose do Peixe”, como sinala o artista, xa están á venda na plataforma A Taquilla.
Xisco Feijoó lanzou ‘Peixe’ no mes de xullo de 2021. Desde entón o artista, unha das figuras clave na recuperación de música tradicional galega durante as décadas do 80, 90 e primeiros 2000 ofreceu case medio cento de actuacións en localidades das catro provincias galegas, ademais doutros municipios da península, como Madrid, Bilbao, Valencia, Segovia e Plasencia; ou mesmo de Europa, na que temas como Animal ou Caracoles soaron en Xenebra, Munich, Hamburgo, Frankfurt e Varsovia.
Agora, Xisco Feijoó regresa a Galicia para despedir un proxecto que marcou todo un fito na súa carreira artística: logo de máis de trinta anos de incesante labor de recuperación etnográfica, nos que recolleu e deu vida a numerosas melodías e ritmos tradicionais, e de colaboracións en numerosos proxectos do país; o artista publicou un traballo discográfico no que ofreceu unha novidosa mirada contemporánea sobre a música tradicional. Dous anos despois, o creador dá a despedida “a un ilusionante proxecto que naceu no cerne da pandemia e que agora tomará novas formas, como parte desa metamorfose que todas e todos os artistas experimentamos grazas ás experiencias vividas”.
“Peixe representou un reto de moitos anos”, sinala Xisco Feijoó, quen asevera que este album fixo que se aproximara “a un mundo e pantone enteiro de emocións, vivencias e aprendizaxes”. “A creación deste disco e do espectáculo foi unha experiencia única, un soño. Peixe é o fillo que nunca tiven e é algo que vou levar gravado na alma e na pel”, di, ainda que advirte que “non meterá os temas na caixa, senón que se transformarán para ter outra vida en futuros espectáculos”.