O Padroado da Fundación Laxeiro acordou este martes conceder o seu premio do ano 2022 ao grupo Atlántica, conformado por unha veintena de artistas na década dos 80 en Galicia. O alcalde, Abel Caballero, anunciou o galardón tras a xuntanza do padroado no Concello e destacou o “nivel” da pintura da época. Ademais, o Concello asumirá o coste da exposición “Laxeiro e a pintura española da súa época”, que ascenderá a 120.000 euros, para reivindicar a Laxeiro como “un gran pintor de nivel europeo”.
O alcalde explicou que o obxectivo non é expoñer só en Vigo, e que xa hai un dos cadros de Laxeiro exposto no Museo Reina Sofía de Madrid: “Está moi cerca do Guernica, un dos lugares máis importantes do Reina Sofía”. Deste xeito, Caballero manifestou que “hai moitísimo nivel na pintura da época, como por exemplo Picasso, e serán acompañantes de Laxeiro na exposición”.
Abel Caballero, que é o presidente do Padroado, explicou en rolda de prensa que vai ser “unha gran exposición” e subliñou o esforzo do Concello para lanzar a idea de que “Laxeiro é un gran pintor de nivel europeo”. Ademais, adiantou en rolda de prensa que o comisario será o director do Marco, Miguel Fernández Cid, que cualificou de “máximo prestixio”.