A Real Academia Galega de Belas Artes dedica este ano ao pintor lalinense José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro. Co gallo desta celebración, entre o 15 de decembro do 2022 e o 19 de febreiro do 2023, na Fundación Laxeiro, na Casa das Artes, de Vigo, estivo exposta a homenaxe pictórica de Antón Pulido e Xosé María Barreiro ao mestre Laxeiro, baixo o título ‘Un poema para Laxeiro’, promovida pola devandita fundación, o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, e a Xunta de Galicia, e con Xosé Antón Castro como comisario da exposición.
Barreiro e Pulido mostraron o máis actual da súa obra que se caracteriza polas súas imaxes de vangarda e o seu cromatismo, brillante e cheo de enerxía, cada un deles co seu estilo persoal que lle caracteriza, e todo xunto nunha mostra pequena en número de obras, pero formando un conxunto de enorme importancia e transcendencia, de tal xeito que moitas persoas que visitaron a mostra opinan que a exposición ‘Un poema para Laxeiro’ debería formar parte das exposicións permanentes da fundación.