Neste ano 2020, a pandemia do Covid19 non impediu a continuidade dos Premios da Crítica Galicia. Nesta ocasión, os xurados das diferentes categorías reuníronse telemáticamente e os premios comunicáronse mediante unha emisión en directo a través de internet desde a sala de conferencias do Centro Social Afundación, de Vigo —anteriormente Caixanova—.
A sala estaba practicamente baleira e soamente estaban presentes Bieito Ledo, Antón Pulido, Manuel Bragado, Anxo Rajó, e o persoal que atendía a sala. Nun acto breve, que non sobrepasou a media hora, comunicáronse as persoas premiadas nas correspondentes categorías, quedando pendente as entregas dos prestixiosos galardóns fabricados por Sargadelos e deseñados no seu día por Isaac Díaz Pardo.
Cumpre destacar o premio de Iniciativas Culturais e Científicas, outorgado ao Portal da Ciencia Galega “GCiencia”, fundado polos vigueses Pablo López e Eduardo Rolland, xornalista, escritor, guionista, e colaborador de VIGOÉ con interesantes traballos de divulgación sobre a cidade de Vigo.
- Creación Literaria, Olga Novo, con Feliz Idade
- Investigación, Bieito Alonso, con Anarquistas Galegos en América
- Música, Margarita Viso
- Iniciativas Culturais e Científicas, GCiencia, Portal da Ciencia Galega
- Artes Plásticas, Alfonso Costa
- Artes Escénicas, Os Monicreques de Kukas
- Cine e Artes Audiovisuais, Oliver Laxe, con O que arde
- Cultura Gastronómica, Festa do marisco do Grove