O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu conta este martes das actividades previstas para conmemorar a xornada de hoxe, que se desenvolve co lema “O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar”, e apuntou a colaboración dos museos vigueses co Raíña Sofía e o Museo Estremeño e Iberoamericano de Arte Contemporánea.
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo ofrece desde hoxe propostas para público adulto e infantil arredor da exposición “4 Proxectos. Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás, Mar Vicente” que está aberta na planta baixa do espazo.
Ata o xoves día 20 o museo programa actividades e talleres para o público infantil (desde os 3 anos) en dous grupos e dous horarios diferenciados. O venres 21, haberá actividades para o público adulto distribuído en dous grupos e horarios e, dende este martes e ata o venres ás 12:00 horas da mañá, haberá visitas guiadas á exposición para público xeral e visitas especiais, guiadas polos artistas en función da súa dispoñibilidade, para a Agrupación Amiga do Marco. Amais, mañá mércores 19 e o venres 21, desenvólvense sesións do Club Lectura do Marco
O Museo Liste organiza neste Día Internacional dos Museos unha actividade baixo o lema da xornada coa participación da Asociación Mulleres e Palabras e da ilustradora Eva Casais. Tamén ofrece unha visita guiada especial ás exposicións actuais do Museo.
Abel Caballero explicou tamén que a mostra de Celeste Garrido “Os teus ollos din o que a túa boca cala”, producida polo Marco e exposta ata o mes de abril, será protagonista os próximos meses no Museo Estremeño e Iberoamericano de Arte Contemporánea.
Ademais, apuntou que deste esta semana pode verse no Museo Reina Sofía de Madrid “Trasmundo” de Laxeiro, unha obra emblemática deste “pintor revolucionario do século XX en Europa” e que “forma parte da nosa mobilización cultural, queremos que ocupe o seu lugar nos pintores europeos do século XX; este é un primeiro paso”, enfatizou.
Por último, o rexedor avanzou que a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego abre este venres a mostra “Dentro e fóra”, unha representación do espazo na plástica galega contemporánea a través dunha selección de obras procedentes das coleccións artísticas do Concello de Vigo, con pezas de mestres como Lugrís, Souto, Colmeiro, Maside e outros autores vigueses. Comisariada por Míriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro López poderá visitarse na planta baixa ata o 24 de outubro.