O 26 de abril regresa ao campus de Vigo a carreira Happy Go Running Cidade Universitaria, que cumpre 14 edicións como a cita deportiva máis clásica da universidade. Tras a pasada edición, na que houbo que adiantar a probar un día ao coincidir coa celebración das eleccións xerais, a cita volve celebrarse en domingo e a organización agarda volver a cifras de participación de anos anteriores, nos que se superaba o medio milleiro de persoas.
Para facelo posible e incrementar a implicación da comunidade universitaria definíronse varios cambios na competición por centros. Así, cando antes o regulamento contemplaba un mínimo de dez persoas por equipo, das que tres debían ser mulleres, desta volta o número mínimo de integrantes é de cinco corredores e non é obrigatorio que haxa mulleres no equipo.
A proba terá, como vén sendo habitual, tres modalidades: unha carreira de 10 quilómetros, outra de iniciación de 6,6 quilómetros e a andaina para as persoas que prefiran percorrer a contorna do campus camiñando. No caso de quen elixa correr, o circuíto é único, cunha lonxitude de 3,3 quilómetros que transcorren por un terreo case plano, sen apenas costas e moi accesible entre a zona alta do campus e as instalacións do Círculo Mercantil. As persoas que participen na modalidade de iniciación daranlle dúas voltas, mentres que as que opten pola distancia longa darán tres.
As e os participantes poderán inscribirse na categoría individual, na competición por campus e na competición por centros. Ademais, esta carreira, que forma parte do circuíto RunRun Vigo, é tamén a VIII carreira Universitaria Galaico-Duriense contra a droga, polo que participará xente de todos os campus de Galicia e norte de Portugal e un euro de cada inscrición doarase a Fundación Galega contra o Narcotráfico.
Horarios, inscricións, premios e revisión cardiolóxica
Os primeiros en tomar a saída serán as e os participantes na andaina, que recollerán as súas acreditación a partir das 08.00 horas no Teatro Vidal Bolaño e botarán a andar ás 09.30 horas dende a praza Miralles. A carreira, nas dúas modalidades, terá a saída ás 11.00 horas dende a contorna da piscina universitaria e a entrega de premios e agasallos está prevista para as 12.45 horas tamén no teatro.
Os prezos das inscricións varían entre os 4 euros da andaina e os 5 euros da carreira para membros da comunidade universitaria, que pasan a ser 7 euros para as e os alleos á mesma. A inscrición está aberta a calquera persoa sen problemas de saúde nada no 2002 ou anteriores no caso da carreira ou no 2007 ou anteriores no caso da andaina. Todas e todos os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa desta proba e optarán a un dos premios da clasificación xeral para as categorías masculina e feminina, que comprenden 400€ para o primeiro posto, 300€ para o segundo e 200€ para o terceiro.
Ademais, ao longo da mañá no campus haberá postos de comida, unha ludoteca para os máis pequenos, sorteos de agasallos e actuacións musicais. Tamén se vai desenvolver a campaña Que tal estás corazón, de maneira que se realizará unha revisión cardiolóxica gratuíta para todas as persoas participantes tanto na carreira como na andaina. Estas probas realizaranse os días 10, 24 de marzo e 14, 21 de abril, en horario de 13.30 a 16.30 horas.
Na procura de voluntariado
Para a celebración desta clásica cita deportiva do campus é esencial a colaboración de persoas voluntarias, que axuden tanto nos días previos organizando o evento, como no transcurso dunha cita deportiva con centos de participantes. É por iso polo que o Servizo de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade busca a colaboración da comunidade universitaria para botar unha man en tarefas de promoción, loxística, seguridade, información e protocolo. Explican que non se precisan coñecementos nin formación específica e o voluntariado desenvolverase entre o 20 e o 25 de abril, cun máximo de dez horas de traballo e o propio día do evento, con outras seis horas.
Entre as tarefas das que encargará o persoal voluntario está a promoción web e en redes sociais da carreira, a elaboración e difusión de contidos durante a celebración do evento, o tratamento protocolario do evento, a organización do acto de entrega de premios, o control de inscricións e información ás persoas participantes, a entrega de dorsais e material, así como actividades relacionadas coa montaxe e a loxística, como a implantación do circuíto para a carreira, o reparto de medios e material, a seguridade e control e os cortes de tráfico, entre outras.