A Eurocidade 10 sempre estivo comprometida socialmente, dado que anteriormente destinaba o 10% de inscrición a unha entidade de carácter social, pero este ano acordouse doar o 100%.
Amais da inscrición o club vai desenvolver coa colaboración do Concello e da Cámara de Valença, outras accións paralelas. Así, a camiseta da proba, que se entrega a todos os participantes, levará #TodosconParamos e un lazo para lembrar ás vítimas da traxedia. Así mesmo, os trofeos da proba son realizados por unha organización de ámbito social sen ánimo de lucro como é Avelaíña.
A Eurocidade 10 é unha carreira pedestre que transcorre fundamentalmente por asfalto e na que se aproveitan os recursos patrimoniais e paisaxísticos de Tui, do Miño e de Valença. Ademais, conta co atractivo engadido de atravesar a vella Ponte Internacional.
A súa saída terá lugar este domingo ás 11.00 horas dende o Paseo da Corredoira. Os participantes terán que percorrer os 10 quilómetros do circuíto establecido que atravesando a vella Ponte Internacional e regresando ao punto de partida en Tui.
A inscrición está aberta ata este xoves ás 23.59 horas na web https://clubatletismotui.wordpress.com/eurocidade10/ empregando a plataforma Championchipnorte para os atletas españois e Lap2go para os portugueses. O prezo é de 4 euros. Os atletas que non posúan o chip amarelo deberán alugalo cun custe dun euro. A organización agarda superar os 300 atletas que participaron o ano pasado na proba.
Establécense premios para os gañadores absolutos, para os tres primeiros e as tres primeiras de cada categoría, sub23, sénior e veterano A e B, e para os tres primeiros e tres primeiras atletas da Eurocidade.