Esta será quinta carreira da Run Run Vigo e pecha o primeiro semestre atlético do 2018. “Haberá moitos atletas que se disputan o circuíto, casos de Ester Navarrete e Rubén Pérez, que lideran a clasificación F-1 e M-1, respectivamente, ou de Daniel Bargiela”, expón García.
Gonzalo Basconcelo e Ester Navarrete defenderán o título acadado na carreira en 2017 e, no caso da viguesa, intentará lograr a súa cuarta vitoria consecutiva, xa que manda nesta carreira de 7,7 quilómetros dende 2015.
“É a única con inicio e final en puntos diferentes -o Concello e O Berbés, orixe de Vigo- e é un día especial porque o tempo adoita acompañar e remátase coa Fogueira de San Xoán”, apunta o secretario xeral de AVA, José Luis Domínguez.
O Concello envórcase co evento e a loxística está asegurada: duchas no polideportivo do Berbés e aparcamento no porto pesqueiro. A organización aportará 280 quilos de sardiñas para repartir entre os participantes.
Premios e percorrido
É este o evento atlético menos esixente dos programados en Vigo polo tipo de percorrido, moi suave. Nos últimos anos, ademais, eliminouse a saída en subida dende o Paseo de Granada para facela no inicio de Camelias, ante a Praza do Bicentenario.
O gañador, home e muller, da clasificación xeral, recibirá un xamón. E unha paletilla o vencedor de cada unha das catro categorías por grupos de idade, masculina e feminina.
O percorrido é o seguinte: Camelias, Romil, Pi i Margall, López Mora, Bar Boo, rúa Coruña, Tomás A. Alonso, Paulino Freire, Beiramar e final ante os soportais da Praza do Berbés.