Este domingo día 13 ás 11:00 horas os corredores sairán do Paseo de Alfonso, punto de saída e chegada, tanto para a proba de 5 quilómetros como a de 10 quilómetros. «É unha carreira importante que lanza o running como vida saudable e como competición», subliñou o rexedor, acompañado tamén por representantes de Gadis, El Corte Inglés, Casco Vello Alto e Toni Pilates.
Caballero agradeceu o patrocinio privado para esta carreira solidaria, pediu en clave de humor que nun futuro se marque unha carreira de 500 metros para que nos puidésemos ir animando» e reafirmou a Avendaño que a súa asociación «conte sempre connosco para a promoción que necesite tamén dende outros ámbitos», ademais de felicitar a Érguete por cumprir 30+1 anos: «Esa si que é unha carreira de resistencia», dixo.
Nesta edición, a proba cambia o farol de Urzáiz polo Paseo de Alfonso e percorre Pi e Margall, Tomás Alonso, rúa Coruña, Jacinto Benavente, Beiramar, Berbés, rúa Real, Triunfo, Fermín Penzol, Marqués de Valladares, Colón, Príncipe e Elduayen, para rematar no Paseo de Alfonso.
Ademais, unha hora antes (10:00) haberá unha pedalada para ampliar a oferta deportiva. As inscricións están abertas ata este mércores 9 ás 22:00 horas e poden realizarse no andar de Deportes do Corte Inglés (andar 4ª), de 11:00 a 21:00 horas e na web www.magmasports.es. Do mesmo xeito que en 2015 hai un Dorsal 0 para achegas solidarias nunha conta de Abanca.
Carmen Avendaño, como presidenta de Érguete, agradeceu o apoio de Alcaldía «porque necesitamos visualizar que seguimos a estar aí» e anunciou que o diñeiro obtido irá «a prevención, que é importantísima e na que pais e nais, colexios e organizacións como a nosa temos que participar de forma activa».
Esta é a segunda das tres carreiras solidarias que coinciden seguidas este mes de novembro: o domingo foi a Vigo contra o cancro (Coia), esta fin de semana a de Érguete e o día 20, en Bouzas, a carreira contra a esclerose múltiple.